Emre Çolak acapara os focos no primeiro adestramento do Dépor en 2020
Emre Çolak foi o protagonista esta tarde en Abegondo no primeiro adestramento do Deportivo no ano 2020.
O internacional turco, após pasar o recoñecemento médico no Hospital HM Modelo da Coruña, púxose ás ordes de Fernando Vázquez.
Foi recibido con aplausos por unha vintena de afeccionados que o agardaban, a el e ao equipo á saída do vestiario.
O técnico deportivista, após un quecemento e uns rondos, dispuxo un exercicio de finalizacións; unha tarefa táctica con e sen porteiros; e, para concluír, unha serie de partidos en espazo reducido, de alta intensidade.
Gaku e David Simón tiveron un adestramento específico; mentres que Boian e Mujaid foron hoxe os fabrilistas ás ordes de Fernando Vázquez.
O Dépor volve mañá xoves 2 de xaneiro aos adestramentos a partir das 11:00 horas. Antes, ás 10:00, Emre Çolak será presentado nun acto que contará coa presenza do Presidente do Deportivo, Juan Antonio Armenteros.