Dous vellos coñecidos víronse as caras esta noite en ABANCA-RIAZOR. Dépor e CD Castellón enfrontáronse no play off polo ascenso da temporada 2022-23 (1-0 para o Dépor na ida) e no play off polo título de Primera Federación na 2023-24 (2-1 de novo para o Dépor tamén no partido de ida).
Tamén esta vez o resultado favoreceu aos deportivistas, esta vez por un contundente 5-1 a pesar de empezar por detrás no marcador aos 7 minutos. "Voume satisfeito polo resultado pero tamén por repornos a ese gol inicial do CD Castellón e por ser capaces de gañar xogando ben nun escenario no que o CD Castellón móvese moi ben: ritmo de partido alto con moitos duelos", resaltou Óscar Gilsanz na sala de prensa.
Con este resultado, Os Nosos suman 24 puntos e ascenden á 15ª posición da táboa; iso si, cun partido menos.
Causaron baixa nesta ocasión nos deportivistas o lesionado Dani Barcia e Lucas Pérez, que non puido cumprir en Tenerife, ao ser suspendido o partido polo temporal, o seu encontro de sanción por acumulación de amoestacións.
Óscar Gilsanz meteu un dobre pivote con Villares e Mfulu, con Mario Soriano por diante ocupando a posición do capitán.
Adiantouse pronto o CD Castellón. Nunha perdida branquiazul no centro do campo o balón chégalle nunha transición rápida a Douglas que bate de tiro cruzado a Helton Leite.
Moi pouco fíxolle falta ao conxunto Dick Schreuder para facer dano.
Os branquiazuis protestaron unha posible falta a Yeremay no inicio da xogada.
Respondeu o Dépor aos 12 minutos cun dobre remate de Yeremay e Barbero que saca con dúas grandes paradas Gonzalo Crettaz.
O partido xogábase en duelos individuais en todo o campo tal e como xa advertira o técnico deportivista na rolda de prensa previa, ao cualificar ao conxunto castellonenco como "o máis diferente de todos os de Segunda División".
Así, o gol intuíase en calquera das dúas porterías. Pablo Martínez, por exemplo, foi providencial en dúas cruces ante Douglas, que se aproveitou de dúas perdas do Dépor en mediocampo.
Aos 26 minutos, nun saque de esquina, Pablo Vázquez pesca un balón solto na frontal da área pequena pero o seu disparo márchase alto entre unha maraña de pernas.
De novo Pablo Martínez, pasada a media hora, despexa un balón solto na área deportivista con Helton Leite fóra da portería.
O técnico deportivista confesou na sala de prensa que "tiña a sensación de que o equipo estaba ben, de que os xogadores estaban a se esixir moito neses duelos e aos poucos estabamos sendo capaces de chegar á portería contraria".
Empatou o Dépor nunha acción de estratexia após unha falta en mediocampo a Yeremay. Escudero, no canto de colgar á área, mete raso o balón na área e Mella, que entrou desde atrás, cruza o balón para que Gonzalo Crettaz non poida facer nada.
Dous minutos máis tarde, Iván Barbero, con todo o tempo do mundo, non logra colocar o balón desde a frontal no recanto e o chute márchaselle demasiado alto.
David Mella marcou o segundo nun rápido contragolpe que el mesmo levou desde mediocampo. O atacante deportivista plántase só por velocidade ante Gonzalo Crettaz e define á perfección.
Os Nosos ampliaron vantaxe ao fío do descanso. Escudero mete de novo un balón rápido á frontal que gaña Barbero ao seu par e Villares, en dous remates, bate ao porteiro visitante.
Nos 5 minutos de prolongación desta primeira parte, Yeremay tivo nas súas botas o 4º ao recoller o rexeite após un duro disparo de Escudero, entrando por banda contraria. O canario, obstaculizado pola defensa, non pode precisar o seu remate. Eran os mellores minutos do Dépor.
A última antes do descanso foi para Suero, que após unha rápida transición do CD Castellón disparou lixeiramente desviado ao pau dereito de Helton Leite.
Após o paso polos vestiarios, Douglas de novo tivo a primeira ocasión nun balón que cruzou excesivamente ante Helton Leite.
Pero o que golpeou foi de novo o Dépor. Escudero mete un gran balón a Mella que se interna na área e cede a Barbero para que marque a pracer.
Pouco despois, nunha gran combinación entre Mella e Yeremay, o colexiado do encontro sinala penalti por unha clara derriba ao canario.
O propio Yeremay transformaba o penalti facendo o 5º da noite.
O '10' branquiazul tivo o sexto nas súas botas nun man a man ante Gonzalo Crettaz pero o seu remate foise fóra por pouco.
Unha das malas noticias da noite foi as molestias de Escudero, que aos 60 minutos viuse obrigado a saír do terreo de xogo.
O Dépor fíxose co balón e desde o banco empezouse a coidar aos seus futbolistas: Gauto substituíu a Mella e Petxarroman a Ximo Navarro, "con cansazo e nada máis", como apuntou o preparador deportivista.
Minutos despois, Pablo Martínez, "cun golpe nun nocello no que a dor aos poucos íalle a máis" segundo explicou o adestrador branquiazul; e Yeremay deixaron o seu sitio a Jaime e Cristian Herrera.
Mario Soriano tamén tivo un man a man ante Gonzalo Crettaz pero nesta ocasión o porteiro sacou o remate do atacante.
Cos 5 cambios xa feitos, o Dépor afrontou os últimos minutos con 10 futbolistas porque Pablo Vázquez, contracturado aínda que "cremos que non é nada importante" segundo o adestrador branquiazul, non puido continuar sobre o céspede.
Alegrouse Óscar Gilsanz por este tramo do partido no que "o equipo se tivo que replegar, defender preto da portería e fomos eficientes nesas accións".
Dúas accións de Cipenga, sen puntaría, puxeron en certos apuros a Helton Leite, aínda que cos 3 puntos xa amarrados polo Dépor.
Deportivo: Helton Leite, Ximo Navarro (Petxarroman, 68), Pablo Vázquez, Pablo Martínez (Jaime, min. 73), Escudero (Obrador, min. 60), Villares, Mfulu, Mario Soriano, Mella (Gauto, min. 68), Yeremay (Cristian Herrera, min. 73) e Barbero
CD Castelló: Gonzalo Crettaz, Suero (Lottin, min. 55), Van den Belt (Villahermosa, min. 55), Moyita, Mamah, Douglas, Cipenga, Salva Ruiz (Willems, min. 55), Chirino (Boriko, min. 71), Jozhua e Gonzalo
Árbitro: Sesma Espinosa, do comité rioxano. Amoestou a Douglas (min. 28), Mamah (min. 57) e Pablo Vázquez (min. 76)
Goles: 0-1 Douglas (min. 7); 1-1 Mella (min. 35); 2-1 Mella (min. 39); 3-1 Villares (min. 44); 4-1 Barbero (min. 48); 5-1 Yeremay (min. 52)
Incidencias: partido correspondente á 20ª xornada en LaLiga Hypermotion disputado en ABANCA-RIAZOR ante 17.000 espectadores. Nos prolegómenos gardouse un minuto de silencio en memoria de José Antonio Naya, adestrador do Dépor na temporada 1975-76 recentemente