O partido de onte domingo 29 de agosto pasará á historia por supoñer a estrea co primeiro equipo de tres produtos de #ANOSACANTEIRA forxados na Cidade Deportiva de Abegondo: Noel, Trilli e Mackay.
Poucos futbolistas debutaron oficialmente coa camiseta branquiazul marcando un gol. Pero o que é seguro é que ningún o fixo despois de pasar por todas as categorías inferiores do Club desde a apertura de Abegondo. Noel López de la Fuente (Silleda, Pontevedra, 17 de marzo 2003) inscribiu o seu nome na historia do RC Deportivo co tanto que pechou a goleada (5-0) sobre o RC Celta B en ABANCA-RIAZOR no arranque da Primeira RFEF 2021-2022. Un tanto que chegou no tempo engadido despois de ingresar ao terreo de xogo no minuto 84 en lugar de Miku.
Noel é todo un veterano do Club. Si, un veterano de 18 anos, posto que está a comezar a súa décima temporada no RC Deportivo. O dianteiro silledense chegou a Abegondo ao comezo da Temporada 2012-2013 para incorporarse ao Benxamín A. Por tanto, vestiu a camiseta branquiazul en todas as categorías nas que o Deportivo tivo equipos desde a recomposición do fútbol base coa inauguración da Cidade Deportiva de Abegondo hai pouco máis de 18 anos: Benxamín, Alevín, Infantil, Cadete e Xuvenil.
Co seu tanto onte, Noel converteuse no primeiro produto 100 por 100 de #ANOSACANTEIRA que xoga e marca un gol nun partido oficial co primeiro equipo.
A Álvaro Pérez Campo 'Trilli' (Ortigueira, A Coruña, 19 de maio de 2003), só faltoulle o paso por categoría Benxamín para igualar a Noel. Nacido nunha data tan sinalada para o deportivismo, o día en que se cumprían tres anos da conquista do título de Liga de Primeira División, estreouse oficialmente co primeiro equipo saíndo como titular no lateral dereito.
Trilli está na súa oitava temporada nas filas deportivistas. O xogador ortigueirés incorporouse ao Alevín A na Temporada 2014-2015 procedente do Racing de Ferrol.
Para Ian Mackay Abad (A Coruña, 14 de xullo de 1986) a historia foi completamente distinta. O seu debut oficial co Deportivo produciuse aos 34 anos.
O gardameta coruñés foi fichado aos 15 anos polo RC Deportivo, ao que pertenceu durante seis temporadas, desde 2001 até 2007. Mackay puido vivir desde dentro a inauguración da Cidade Deportiva de Abegondo, un ano antes de debutar co Fabril aínda en idade xuvenil.
Mackay foi convocado por Joaquín Caparrós para realizar a pretemporada co primeiro equipo deportivista en Isla Canela no verán de 2006. O porteiro herculino disputou entón varios encontros amigables co Deportivo, o máis lembrado, a final do LXI Trofeo Teresa Herrera que os branquiazuis conquistaron fronte ao AC Milan (3-1) cunha gran actuación do porteiro herculino. Con todo, foi traspasado ao UD Vecindario no último día do mercado de fichaxes de verán de 2007 sen debutar en partido oficial co RC Deportivo.
Despois de 14 campañas en diferentes clubs de Segunda e Segunda B, a Mackay chegoulle a oportunidade de estrearse coa camiseta do equipo dos seus amores após unha longa e exitosa carreira, o mesmo día que outros dous produtos de Abegondo inician a súa difícil e prometedora aventura no fútbol de elite.