Coñecendo xa o resultado dos seus inmediatos perseguidores na táboa clasificatoria, o Deportivo afrontaba o partido de Langreo coa oportunidade de manter a distancia co Numacia e separarse tres puntos máis do Racing de Ferrol, pero todo iso pasaba por gañar no primeiro encontro a domicilio da segunda fase. Tres matices fixo Rubén de la Barrera con respecto ao partido de hai unha semana en ABANCA-RIAZOR: Héctor por Salva, Uche por Raí e Rayco por Lara foron as novidades para afrontar o choque no amplo campo de céspede artificial de Langreo.
O primeiro intercambio de golpes chegou no minuto tres cunha recuperación de Uche que serviu para Keko. Gontán tentouno desde a frontal e o balón estrelouse na zaga, igual que sucedeu na contra nun balón conducido e rematado por Ketu. Eran instantes de tenteo entre ambos os equipos e de adaptación do Dépor ao campo asturiano.
Houbo que esperar case un cuarto de hora para ver a primeira ocasión clara do partido nunha xogada por banda dereita de Keko que serviu desde liña de fondo ao punto de penalti onde chegou en carreira Diego Villares que non puido orientar o disparo que lle saíu excesivamente alto, igual que a resposta de Jorge Hernández en área Deportivista.
Aos poucos de superar a media hora, un embarullado ataque da Unión Popular de Langreo obrigou a actuar dúas veces a Lucho, a primeira estirándose, a segunda a modo porteiro de balonmán, para evitar o caos xerado por un desaxuste defensivo do Dépor.
Cun balón colgado de falta directamente ás mans de Adrián Torres por parte de Héctor Hernández púxose punto final a unha primeira parte dinámica, con poucas interrupcións por falta pero si por balóns fóra polos laterais, e demasiado xogo polo centro do campo e os costados de ataque pero sen claridade nos terzos finais de cada campo, polo que o 0-0 reflectía á perfección o visto en Ganzábal.
Após a continuación a primeira chegada foi local cun disparo de Allyson que se atopou a Mujaid para que Lucho completase a acción defensiva. O propio xogador brasileiro disparou a centímetros do pau esquerdo da portería deportivista. Pasaran case quince minutos sen historia cun único disparo moi alto por parte de Rayco.
A máis clara, xa no quince da segunda parte, tívoa Miku após recibir en profundidade un balón sen control no centro do campo. O recorte do venezolano ao defensa local deixouno só ante Torre, pero o remate coa punteira marchouse fóra aínda que o efecto óptico convidou a celebrar un gol que non se produciu.
A UP de Langreo non perdoou nunha chegada polo costado colgada ao segundo pau nun balón que caeu morto en área pequena para que Álvaro Muñiz só tivese que empuxar ao fondo da porteria con pouco máis de dez minutos por diante para tentar, polo menos, recuperar a igualada no marcador.
Houbo que esperar case ao noventa para ver unha intervención do porteiro local. Foi co intento afastado de Claudio que blocou sen problemas Adrián, como espectacular estivo na seguinte Lucho García para despexar a corner a ocasión local para pechar o partido por parte dos asturianos.
Lara á media volta desde a frontal obrigou a estirarse ao porteiro asturiano nun balón mordido que se foi a corner porque atopou unha perna local na súa traxectoria. Foi a penúltima oportunidade de empatar un partido. A última tívoa Mujaid disparando con intención pero sen a rosca suficiente para atopar portería e un mellor resultado, que mantén ao Dépor como lider pero comprime, e de que forma, a cabeza da clasificación a falta de catro partidos para o final da temporada.
UP Langreo: Adrián Torre, Miguel Santos, Alaín, Gonzalo, Chus Puras, Álvaro Muñiz (Álvaro Gómez, min. 89), Marenyá, Jorge Hernández (Adrián Llano, min. 74), David Iglesias, Allyson e Ketu (Cristian, min. 89).
RC Deportivo: Lucho García, Bóveda (Lara, min. 81), Mujaid, Granero, Héctor Hernández, Villares, Álex (Borges, min. 81), Uche Agbo (Claudio, min. 81), Keko, Rayco (Raí, min. 59) e Miku.
Goles: 1-0 Álvaro Muñiz (min. 78).
Árbitro: Fonte Martín (c. cántabro). Amoestou a Rayco (min. 37) e Álex (min. 59).
Incidencias: partido da 2ª xornada da segunda fase, Grupo 1D, de Segunda División B disputado no Novo Ganzábal con aforamento reducido.