Eva Dios, convocada pola selección española sub-19
Eva Dios foi convocada pola selección española sub-19 para unhas xornadas de adestramento na localidade malagueña de Marbella.
A futbolista desprazarase a terras andaluzas tralo partido de Primera Iberdrola deste domingo 14 ante o Real Betis en Abegondo (13:30 horas, Gol) para concentrarse desde o vindeiro luns 15 até o venres 19 de febreiro. Eva Dios é unha das 24 futbolistas chamadas polo seleccionador Pedro López.
Eva Dios xa sabe o que é vestir a camiseta da selección española, posto que formou parte do equipo nacional que, no ano 2018, conseguiu a medalla de bronce no Campionato de Europa de fútbol sala para persoas xordas disputado en Finlandia, sendo ademais elixida no quinteto ideal do torneo e mellor xogadora nova.
A selección española sub-19 xa contou con anterioridade con varias xogadoras do Deportivo ABANCA, como Nuria Rábano, Teresa Abelleira, Malena Mieres, Athenea del Castillo, María Méndez e Carlota Sánchez.