RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Vidal destaca "as ganas e ilusión de Fran e Valerón por axudar ao Club nun momento de gran dificultade"

O presidente do Real Club Deportivo, Fernando Vidal, presentou esta mañá na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR a Fran e a Juan Carlos Valerón, dous ídolos do deportivismo que regresan ao Club para achegar a súa experiencia nun ambicioso proxecto en #ANOSACANTEIRA.

Antes de arrincar o acto quixo enviar "unha mensaxe de agradecemento a toda a afección do Deportivo porque creo que o comportamento do pasado venres é digno de eloxio. Un partido declarado de alto risco quedou ridiculizado co comportamento da nosa xente".

Tamén agradeceu o apoio aos medios de comunicación que "nos dan forza para seguir pelexando nesta batalla. Non é unha batalla fácil pero todos xuntos podemos conseguir a vitoria". "Imos seguir pelexando. Virán reveses, noticias boas, noticias malas. Pero imos seguir pelexando nisto", engadiu.

O máximo dirixente branquiazul recalcou que "non houbo negociación" para a súa incorporación: "Eles antepuxeron de estar neste Club á categoría na que que dispute a próxima temporada. Non puxeron ningún problema en absoluto tanto no escenario da Segunda B como Segunda A. Por tanto foron moi fácil incorporalos. Cando dúas persoas queren e o Club quere, isto é moi fácil. Puxeron todo neste proxecto, as súas ganas e ilusión de axudar ao Deportivo nun momento de gran dificultade".

Juan Carlos Valerón mostrouse "moi contento de estar aquí. Un sempre ten a ilusión da o acabar de xogar seguir vinculado nos dous clubs que foron moi importantes para min, como a UD Las Palmas e o Deportivo. Pódense imaxinar a alegría e ilusión que me fai estar aquí. O Presidente púxose en contacto comigo para a posibilidade de vir aquí ao Club. Despois de todo este tempo, púidose chegar a un acordo. Pola miña parte sempre houbo unha gran predisposición e nesta situación moito máis para tentar estar aquí e ser parte deste proxecto moi bonito. Espero facelo o mellor posible".

Pola súa banda Fran dixo estar "encantado de volver aquí á que foi a miña casa durante 18 anos como xogador. Vivín unha etapa marabillosa na que fun moi feliz. Agora toca outra etapa con moita dificultade. Lémbrame un pouco ao empezar eu no Deportivo, que nos salvamos co gol de Vicente, nunha situación moi delicada".

Agradeceu ao Presidente "que se acordase de min para este proxecto que me facía moitísima ilusión. Creo que podo achegar moitas cousas para que o día de mañá haxa moitos xogadores da canteira primeiro pasando polo Fabril e logo ao primeiro equipo".

Tamén se referiu Fernando Vidal á batalla que ten o Deportivo exposta: "No día de onte o CD Numancia enviou senllos escritos. No primeiro solicita á Federación Española un impulso definitivo para que haxa en 48 horas unha resolución respecto diso. Non podemos demorar isto eternamente, utilizar a táctica da dilación que é o que está a facer LaLiga. O outro escrito é sobre a ampliación do expediente disciplinario a Javier Tebas que solicitou ao CSD".

Conta que o RC Deportivo enviou "hoxe mesmo un informe da Coordinación de Seguridade do partido do CF Fuenlabrada do pasado venres polo cal se incumpriron bastantes preceptos da normativa. Non saber por exemplo que membros da expedición viaxaban á Coruña até o último momento. Tamén estamos a investigar se se rexistraron na Xunta de Galicia como viaxeiros aínda que eles non pasaron a noite na cidade, dados os antecedentes".

Opón como exemplo ante o comportamento do CF Fuenlabrada o do Atlético de Madrid, que "fai un comunicado impecable ante dous casos de COVID. É un caso exemplo de que as cousas se fan así".

Apuntou que o Tribunal de Arbitraxe do Deporte (TAD) "desestimou o noso recurso polos 3 puntos da aliñación indebida do Extremadura UD. Baixo o noso punto de vista é unha argumentación bastante pobre. O seguinte paso é ir á xustiza ordinaria e pedir medidas cautelares".