RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Vidal fai un chamamento ao Deportivismo para que "cada un achegue o seu gran de area para que o futuro do Club sexa posible"

O presidente do Deportivo, Fernando Vidal, compareceu ante os medios de comunicación para falar sobre os proxectos do Club de cara á Xunta Xeral Extraordinaria de Accionistas na que se votará a aprobación de 3 ampliacións de capital.

Inicialmente puxo o foco na situación pola que atravesa a entidade e que aboca á realidade actual: "Após unhas semanas de intenso traballo, tanto no plano económico como no deportivo, gustaríame facer balance antes de afrontar outras dúas semanas decisivas para o futuro do noso Club. Un futuro que era tremendamente complexo e estaba moi comprometido o pasado 17 de decembro, cando en Xunta de Accionistas decidimos dar un paso á fronte que foi posteriormente apoiado por unha maioría moi significativa do deportivismo na última Xunta do 14 de xaneiro".

Vidal lembrou que "nese momento eramos pechacancelas destacados na categoría e o risco de descenso a Segunda División B, que aínda está aí, era infinitamente superior ás posibilidades de salvación. As consecuencias derivadas desa situación deportiva naquelas circunstancias eran devastadoras pola inviabilidade económica do club na Segunda División B, que con toda probabilidade podería carrexar a propia desaparición da nosa entidade".

Quixo deixar claro que o Deportivo "está inmerso nun concurso de acredores, o maior do fútbol español" e que "cada temporada diminúe a nosa capacidade de manobra para poder ser competitivos en igualdade de condicións co resto dos equipos".

A estrutura da débeda nestes momentos é a seguinte: o Deportivo ten "unha partida importante, derivada da débeda concursal ordinaria, de máis de quince millóns e medio de euros, cuxo pago finaliza en xaneiro de 2031". Hai outra partida de débeda concursal subordinada "que hai que pagar entre xaneiro de 2034 e xaneiro de 2048 de, aproximadamente, seis millóns de euros". Con ABANCA, principal acredor do club, o Deportivo ten varios prestamos subscritos "cunha débeda total de 62,5 millóns de euros e cuxo último pago é en xullo de 2032. Hai outras débedas, cifradas en pouco máis de seis millóns e medio de euros que veñen derivadas de fase concursal e dalgún leasing, por exemplo a colocación da iluminación do estadio ABANCA-RIAZOR cuxo último pago é en xaneiro de 2023". En total a débeda real do Deportivo alcanza os "90,8 millóns de euros aos que habería que sumarlle máis de catorce millóns de intereses derivados da mesma ".

Fernando Vidal fixo fincapé en que o Deportivo "debe afrontar un pago de débeda de máis de 84 millóns de euros máis os citados 14 millóns nos próximos doce anos". Todo isto na situación actual na que "estamos a pelexar por non descender a Segunda División B". Ante esta situación, o presidente do Deportivo fixo a seguinte reflexión: "Con sensatez, pódese pensar que con esta débeda e o consecuente plan de pagos derivado da mesma pódese subsistir en Segunda División?".

O Consello de Administración presenta por iso "un proxecto para garantir a viabilidade do club, máis aló dos resultados deportivos desta temporada". Vidal insistiu en que "o proxecto sería imposible sen o apoio financeiro de ABANCA e o apoio social, tanto a nivel de accionistas como de socios e afeccionados que percibimos e sentimos durante todas estas semanas. Creo que o deportivismo entendeu de maneira clara que, aínda que este Consello non xerou a situación deportiva nin a económica coa que asumimos a dirección do club, fomos capaces de afrontar o problema de cara para buscar solucións". Esta é, segundo o presidente branquiazul "a única solución real que se expuxo ao deportivismo, inédita e boa a curto prazo. Pero, sobre todo, con moitas máis garantías a medio e longo prazo".

"Somos conscientes de que a solución deportiva, a curto prazo, non ten garantías de éxito nuns momentos nos que o Deportivo está inmerso nunha dura pelexa por manter a categoría -recoñeceu-, pero estamos convencidos que a medio prazo temos os mellores avais posibles". Sobre a participación de ABANCA en todo este proceso quixo deixar claro que: "Atopamos, unha vez máis, o apoio dunha entidade galega, solvente e exemplar, que vai dar respaldo, estabilidade e tranquilidade e evitará a liquidación da entidade en caso de descenso". É por iso polo que Vidal quixo mostrar " o agradecemento do consello, do club e do deportivismo en xeral a ABANCA por implicarse da maneira que o fixo para buscar da nosa man a mellor solución aos nosos gravísimos problemas económicos". É, segundo o presidente "unha solución nova, nunca antes exposta a LaLiga, porque non tiñamos marxe de tempo nin de manobra".

Se os accionistas así o deciden "vaise a producir un cambio tremendamente necesario na situación financeira e patrimonial do Deportivo, un cambio con resultados inmediatos que reducirá a nosa débeda de maneira significativa de 90,8 a 55 millóns de euros, co correspondente aforro de máis de 8 millóns de intereses"

Antes de concluír a súa comparecencia ante os medios de comunicación, Fernando Vidal quixo facer "un chamamento á participación de todos os accionistas do Deportivo na próxima Xunta Xeral Extraordinaria, con independencia do número de accións que teñan subscritas. Todos somos importantes" - insistiu-. Para concluír dicindo que "o sentido de pertenza non o dá o número de accións, cada un achega o seu gran de area para que o futuro do club sexa posible".

Finalizada a súa introdución e xa respondendo a preguntas dos xornalistas, Fernando Vidal recoñeceu que "vai ser difícil chegar ao 50% do accionariado para que se celebre a Xunta Xeral de Accionistas en primeira convocatoria, pero confiamos en que se alcance o 25% para que se poida celebrar en segunda."

Do mesmo xeito, aínda que o ideal sería cubrir o cento por cento do capital proposto recoñeceu as dificultades de cubrir todo o capital social, fundamentalmente porque "as estatísticas e historia do noso Club din que as ampliacións de capital dineradas non foron nunca un éxito. Unha das claves deste movemento é que rebaixamos débeda nos dous primeiros puntos. Espero que sexa máis participativa que noutras ocasións e que o Deportivismo se some a este proxecto, que o esforzo sexa compartido con ABANCA ".

Explicou, así mesmo, que sen o apoio da entidade financeira o futuro do Deportivo sería moi complicado: "as cifras que dei son demoledoras, temos que pagar ao redor de 98 millóns de euros nos próximos doce anos, esa é a realidade do Deportivo, e estamos en Segunda División. "

Todos os movementos que se están producindo provocan que, tanto por parte de ABANCA como do Deportivo, estea a "estudarse a posibilidade de renegociar a débeda restante, o famoso préstamo de 45 millóns de euros. Antes do 30 de xuño teremos datos para poder incrementar o tope salarial e poder ser competitivos na división que esteamos", sinalou Vidal.

Fernando Vidal apuntou que os tempos e as fases desta ampliación de capital márcaos a necesidade de acometer pronto a ampliación de capital porque "temos que ter, canto antes, orzamento para a temporada que vén para fixar o límite salarial. Os prazos son curtos. Se cadra podería haber unha próxima Xunta Extraordinaria con máis capitalización de débeda, non digo que vaia a habela. Todo depende do que diga o estudo económico. Vai depender de como salga a ampliación de capital dinerada. É unha oportunidade para que moita xente nova, que non é accionista, poida selo".

Con respecto á limitación de adquisición de accións na última fase, Fernando Vidal apuntou que é "para salvagardar os dereitos que teñen os accionistas actuais. Demos unha marxe importante de accións, 4.500 accións, cando noutras ampliacións de capital foron 1.500"

O presidente do Deportivo insiste unha vez máis que o club necesita realizar esta ampliación de capital. "Temos que manternos en Segunda División, que non é fácil, ese é o máximo obxectivo. Despois xa faremos un proxecto ilusionante", respondeu a preguntas dos xornalistas sobre a necesidade de alcanzar no prazo máis curto posible a máxima categoría. "Para iso necesitamos rebaixar débeda e ter músculo financeiro, é evidente. Para o Deportivo sempre é unha urxencia, por historia, ascender a Primeira División", sentenciou.

Fernando Vidal anima, unha vez máis, ao pequeno accionista a axudar a conseguir ese músculo financeiro, esa estabilidade que permita competir sen abafos e coa intención de que o club siga superando metas: "O bo é que todo o mundo teña un anaquiño do club, o club segue sendo de todos. Que o esforzo sexa compartido. O Deportivo ten 25.000 accionistas e espero que despois desta ampliación sexamos 26.000 accionistas. O club é de todos nós", finalizou.