Após ser proclamado presidente do Real Club Deportivo, Fernando Vidal ofreceu a súa primeira rolda de prensa para analizar a actualidade do Club, centrada sobre todo no mercado de fichaxes após unha "Xunta bastante tranquila, comparada con outras anteriores e cunha alta participación de accionistas presentes e representados dadas as datas nas que se convocou con Nadal polo medio, por iso estou satisfeito do resultado e a participación". “O Deportivo ten dúas frontes moi claras, o tema do primeiro equipo e o acordo final con ABANCA que nos supoña unha inxección económica que nos permita ter tranquilidade económica nos próximos anos”.
En canto á situación do equipo cualificouna como "de emerxencia, non podemos fallar, temos moi pouca marxe de erro e agora temos dous partidos en casa moi importantes para nós, un contra un rival directo e outro contra o líder que marcarán, non definitivamente, noso devir en LaLiga. Incorporaranse xogadores nos próximos días e dotaremos ao equipo de máis calidade e competitividade. Nas próximas horas haberá novidades". A mentalidade: “empezar de cero sabendo que temos que facer moitísimos puntos para salvar a categoría creo que, coa axuda de todos, da afección, ímolo a lograr.
Vidal asume a presidencia no medio dun "mercado invernal que é difícil para mellorar o que tes, pero témolo que tentar de todas as maneiras buscando xogadores de Primeira División que nos dean máis nivel, máis peso no equipo para afrontar as 20 finais que nos quedan. Estamos coordinados todos para facer un equipo máis compensado, máis competitivo". “Connosco o adestrador sempre tivo voz e voto, tiveron participación na confección dos cadros, a súa opinión é fundamental”.
En canto aos xogadores que deben saír: "Teremos que falar con eles, buscarlles saídas e falar con eles que tal vez a mellor opción é deixar o Dépor e buscar noutro equipo os minutos que aquí lle poden faltar".
Fernando Vidal citou varios nomes propios: “Con Borges hai acordo total, pero dependemos do seu club de procedencia e non vai ser para esta semana. A próxima haberá máis opcións”. “Se o míster cre que Montero debe continuar no Club, a última palabra vaina a ter o míster. Falaremos con el e veremos opcións porque estamos preto de traer a Pablo Insua, temos exceso de centrais e algún xogador ten que saír. Con Insua hai acordo, pero o Huesca está pendente de incorporar un central para deixar a ficha libre”.
Aclarou a noticia publicada onte do uso dunha nova camiseta: “estrearemos camiseta contra o Racing e contra o Cádiz, iso é seguro. É un tema máis emotivo e sentimental que práctico. É unha camiseta de catálogo mentres conversamos con LaLiga se podemos xogar máis partidos, porque tamén temos compromisos comerciais con Macron”.
Referiuse ao expresidente presente na sala: “Augusto é unha institución no Deportivo, e como tal o trataremos. Non está no proxecto, non vai estar no día a día pero si nos gustaría integralo na vida normal do deportivismo” e pechou as súas palabras cun desexo: “Espero ter máis sorte que os meus antecesores, que a pelota entre, este cambio propiciou unha tranquilidade social importante e necesaria no Club pero isto é fútbol, en calquera momento entras e en calquera momento saes”.