Fernando Vidal, Presidente do Deportivo, aproveitou o acto de presentación de Raí para recalcar que o momento actual "é moi duro e moi complicado para a entidade. Nós, no momento no que collemos o Club en xaneiro de 2020, sabiamos que nos metiamos nun problema moi grande. Pero ante a falta doutras opcións para xestionar o Club demos ese paso. Cun equipo que estaba materialmente descendido en Segunda División B, acertamos bastante nas decisións deportivas para poder revitalizar aquel tema. Ao final, e con récord de puntos en descenso, descendemos. Cousa que foi un mazazo para todos".
O máximo dirixente deportivista lembrou a "degradación económica que está a sufrir o país é xigantesca" co COVID e iso leva que "a redución de ingresos do Deportivo é bestial en comparación cunha situación normal".
Cualificou de "paso acertadísimo dar a confianza á entidade financeira para que adquirise a maior parte das accións, a propiedade do Club, por ser o máximo acredor do mesmo". "Sen ese paso, o Club en agosto non podería saír a competir", subliñou.
Explica que no orzamento do Club hai "débeda concursal e débeda bancaria que hai que ir pagando. Non diminuímos o custo no gasto en #ANOSACANTEIRA. Mantivemos e subimos o custo no fútbol feminino. Temos mantemento, estrutura de persoal, as empresas filiais. O que nos gastamos no cadro, se exceptuamos a Rolan, é 3.600.000 euros. Tampouco somos o Real Madrid da Segunda División B. Con ese diñeiro fíxose un cadro moi competitivo".
Fernando Vidal pensa que hai varios factores que explican o rendemento do equipo: "A pretemporada foi excesivamente longa. Tivemos até o mes de xaneiro máis de 30 lesións musculares e sobre todo en xogadores importantes. Non temos continuidade para que o xogador colla a forma para poder competir".
Ademais, percibe o presidente deportivista "a pesada laxa que teñen os xogadores pola obrigación de ascender. E iso xoga moi en contra dos nosos intereses. Vimos como adestraba o equipo a semana pasada. E non ten nada que ver co partido do domingo. Parece que a camiseta do Dépor pesaba 10 quilos. Non é un problema de actitude, é un problema de exceso de responsabilidade. Está o equipo bloqueado. O punto de inflexión ocorre o domingo cando perdemos o partido coa SD Compostela. Xustamente despois, cando baixo ao vestiario para dar ánimos sobre todo cando se perde, non puiden entrar porque había unha charla do adestrador. Marcheime. Volvín ao vestiario e a charla fora moi emotiva e moi potente. O luns, os xogadores de motu propio reuníronse no vestiario, sós; e o que nos comentaron é que eles son os que o teñen que solucionar, é un tema deportivo. Iso ten que facer ao deportivismo apoiar este proxecto a pesar de que as expectativas deportivas do equipo fosen contrarias ao que todos pensamos".
Comenta que "temos a responsabilidade de levar este proxecto a bo porto. Entendemos que é un proxecto a longo prazo. O Deportivo careceu de proxectos".
Desvela que "estamos a traballar cunha consultoría moi importante, propiciada pola entrada de ABANCA, para facer un modelo de Club claro, a longo prazo; no cal teña un peso enorme a canteira. En tres ou catro meses podémolo ter acabado. Haberá unha gran remodelación en todas as áreas do Club buscando a excelencia co traballo da canteira. Estamos moi contentos coa situación de #ANOSACANTEIRA. Estamos nun momento doce. Competimos moi ben, temos a moitos xogadores que poden ter saída no primeiro equipo".
Pide pois ao deportivismo "cambiar o chip. Temos que ter moita paciencia e tranquilidade coa xente da casa para que poidan saír e sexan xogadores de primeiro nivel".
Finalmente, Fernando Vidal confesa que en Segunda División B conseguiuse recadar por socios, por todo o deportivismo, un millón e pico de euros; "valiosísimo. E vaise en cousas que un se atopou levantando as alfombras do Club: a sentenza de López Cao que vén por un problema de 2004. O Club perdeu o xuízo e ten que pagar un principal e uns intereses duns 420.000 euros; polo COVID, a liga reduciu os ingresos de televisión da temporada pasada en 300.000 euros; a anterior xestión do Club deixou de pagar a luz de Abegondo, o que nos reclama outros 100.000 euros; despedimento de empregados do Club por sms supuxo outro gasto de 100.000 euros; o caso de José Luis Ribeira, ex xogador que reclamou unha indemnización por invalidez, que rolda os 100.000 euros. A can fraco todo son pulgas".
Por todo iso, insiste en que "se non estamos unidos, se non temos a cabeza clara, se non pensamos que temos que saír deste pozo, non o imos a lograr".
Por último, indica que o cadro "é un gran cadro. O que ten que dar é o cento por cento. Co cento por cento, en primeira instancia estaremos entre os tres primeiros e despois xa veremos. Primeira final é Unionistas. Imos ir con toda a intensidade e con todas as ganas. Que o deportivismo teña claro que o equipo o vai a dar absolutamente todo. Hoxe falamos cos xogadores, corpo técnico e podo dicir que está súper concienciado do que representa o escudo do Deportivo".