RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Gorka Santamaría, primeira fichaxe do Dépor 22-23

Gorka Santamaría Nos (Bilbao, 3 de xullo de 1995) converteuse hoxe en novo xogador do RC Deportivo até o próximo 30 de xuño de 2023.

O dianteiro vasco chega avalado polos seus 31 goles nas últimas tres campañas co CD Badajoz no terceiro chanzo do fútbol nacional, 15 deles na temporada recentemente finalizada.

Formado na canteira do Athletic Club, onde chegou con 10 anos, pasou ao CD Basconia durante dúas campañas, 2012-2013 e 2013-2014, sendo na segunda delas máximo goleador do grupo IV de Terceira División con 20 goles.

Na temporada 2014-2015 formou parte do Bilbao Athletic que logrou o último ascenso a día de hoxe a Segunda División. Gorka Santamaría anotou 18 tantos (15 en liga e 3 no playoff), incluído o dobrete no partido da ida da final ante o Cádiz CF (2-0), ao cabo definitivo. Aquela temporada, o novo dianteiro deportivista compartiu 'tridente' co ex deportivista Sabin Merino (que tamén anotou 18 goles) e o internacional Iñaki Williams, autor de 13 dianas.

Ao ano seguinte viviu a súa primeira experiencia na categoría de prata, sendo o segundo máximo goleador do Bilbao Athletic con 7 tantos, só superado por outro exdeportivista, Ager Aketxe (8 goles). Naquel filial bilbaíno tamén figuraba outro exdeportivista, Martín Bengoa, que xogou no Fabril na temporada 2017-2018.

Gorka Santamaría foi cedido, no verán de 2016, a un Cádiz CF recentemente ascendido a Segunda, xunto a Aketxe. Nun equipo que xogou o playoff de ascenso a Primeira, caendo en semifinais ante o CD Tenerife, o dianteiro vasco xogou 18 encontros e marcou 2 tantos.

O ariete biscaíño regresou á terceira categoría nacional no curso 2017-2018, cando se desvinculou do Athletic Club após doce anos para incorporarse ao Recreativo de Huelva. Un ano despois fichou polo Real Sporting de Gijón, co que tamén xogou unha campaña no seu filial no terceiro chanzo do fútbol nacional, antes de iniciar, no verán de 2019, a etapa que acaba de finalizar na capital pacense.

O novo dianteiro branquiazul acumula 183 encontros e 61 goles na terceira categoría nacional (sumadas Segunda B e Primera RFEF), ademais de 10 choques e 3 tantos en playoffs de ascenso a Segunda e 50 partidos e 9 dianas na categoría de prata.

Gorka Santamaría convértese, deste xeito, na primeira incorporación a un equipo que, na próxima temporada 2022-2023, continuará dirixindo desde o banco Borja Jiménez e que desde onte coñece os seus rivais no Grupo I de Primeira RFEF.

Desde o pasado domingo 12 os distintos estamentos do Club traballan na planificación da próxima temporada. Gorka é o primeiro dos reforzos para apontoar e seguir desenvolvendo un proxecto ao que se puxeron uns cimentos sólidos a pasada temporada e sobre os que se continuará crecendo, mantendo a formulación inicial de estabilidade e total respaldo ao traballo dos profesionais que continúen ou se vaian incorporando proximamente ao RC Deportivo.