Vicente Gómez recoñeceu esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "é certo que non fixemos o noso mellor partido" o pasado sábado no Nuevo Arcángel de Córdoba.
Iso si, cre que "estamos a competir ben e foi unha mágoa que cando chegan os últimos minutos, practicamente na última xogada, non fósemos capaces de aguantar máis aló do contexto no que estaba o partido".
O centrocampista canario queda tamén co positivo: "Foi un partido moi igualado, moi competido. Se somos capaces de gañar en ABANCA-RIAZOR ao CF Reus (sábado 27 de outubro ás 16:00 horas, LaLiga 1|2|3 TV) ese punto verémolo moito mellor que o estamos vendo agora".
Preguntado polas expulsións, advirte que "temos que interpretar mellor ese tipo de situacións. Só podemos traballar o que podemos controlar. Todo o que está fóra do noso control tampouco ten que ser escusa para perder a cabeza".
Da xogada de Borja Valle, na que foi expulsado o dianteiro berciano, recalca que é "unha situación un pouco complicada. Está a moitísimas revolucións. Borja ten razón. Hai que saber interpretar que estamos noutra categoría diferente, os árbitros non son tan dialogantes. Saber que non podemos perder xogadores por protestas. Xa pasou noutras expulsións".
Por este motivo, pide Vicente, un futbolista de gran experiencia tanto en Primeira como en Segunda División ser "entre todos máis intelixentes ou saber como está a situación. Saber que nós non podemos controlar aos árbitros. Temos que controlar o noso xogo, tentar controlar mellor aos adversarios. Os árbitros non o fan mal querendo. Están a xogarse tamén subir a Primeira División. Hai que tentar evitar o de que nos están perseguindo".
Confesa que a mensaxe do técnico, Natxo González é que "temos que tentar centrarnos en controlar o que está baixo o noso control, valla a redundancia. Sobre todo hai que ser un equipo maduro para saber navegar en todo tipo de augas, non só co vento a favor. Son situacións un pouco amoladas porque as cousas se dan dunha forma que todo o mundo viu que non era tan grave o que pasou para acabar con tantos cartóns e as expulsións".
Razoa o grancanario que "como hai días que se cadra non tes un bo día co balón e tes que dominar outro tipo de xogo, cando hai situacións que non son tan favorables, ser cando menos maduro, manter a tranquilidade no contexto do partido". "É importante fóra de casa se non estás ben, cando non che dá para gañar non perder e en casa tentar gañar o máximo de partidos", engade.
Do rival deste sábado, o CF Reus, indica Vicente Gómez que "o vin xogar bastantes veces. Tenta ter moitísimo o balón. Ímonos atopar noutro contexto diferente ao que nos viñamos atopando. Non creo que sexa un equipo que se vaia a replegar, vainos apertar arriba, vai tentar ter moito o balón, vai vir coa sensación de que ten pouco que perder. Vai ser un bo desafío".