Hugo Claudio Vallejo Avilés (Granada, 15 de febreiro de 2000) foi presentado este mediodía en Abegondo como xogador do Deportivo. Segundo confirmou Richard Barral, que acompañou ao futbolista na súa primeira comparecencia pública como deportivista, chega "cunha cesión pura e dura até final de temporada. Despois pódese dar todo tipo de situacións. Oxalá faga unha gran temporada e poida ser titular no Real Madrid. E se non, sempre estamos abertos a que poida continuar".
Coa súa familia presente tamén na sala, o novo dianteiro do Dépor conta que a súa fichaxe "foi un pouco complicado. Empecei co Málaga no primeiro equipo. E despois de varios sucesos, baixei a xogar co filial. Ao cabo do tempo xurdiume a oportunidade do Real Madrid e a de xogar aquí tamén. Estou moi agradecido ao Deportivo e a Richard. Estou moi motivado e ilusionado por empezar".
Confirma que poderá xogar contra o Málaga CF na segunda volta da liga e, é máis, "teño moitas ganas de enfrontarme a eles e ter a oportunidade de facer un bo partido".
Desexou que, "aínda que non xoga na mesma posición que eu, sexa un referente", en alusión a Fede Valverde, o último canteirán do Real Madrid que pasou unha temporada polo Deportivo e agora está asentado entre os habituais de Zidane. "Veño achegar o que faga falta co adestrador e a tope. Estou para o que faga falta", engade.
Defínese como un "extremo. Prefiro xogar na banda esquerda pero estiven parte desta temporada xogando na banda dereita". Confesa que Fernando Torres é o seu ídolo, e "agora mesmo teño xogadores que me gustan pero non me vexo reflectido. Cada xogador ten as súas características".
Aínda que ten dorsal do Fabril, como no seu momento futbolistas como Juan Domínguez ou Insua sendo importantes en ascensos do Deportivo, asegura que "me dixeron que ía vir aquí con ficha do filial pero ía estar co primeiro equipo. Son sub-23 e non me importa. Se ao Club vénlle mellor, perfecto".
Após ver varios encontros do seu novo equipo, opina que "hai partidos nos que o míster necesita carrileiros, xente de banda; e aí é onde temos que estar nós. Se nun partido expón unha formación sen extremos, pois segundo vaia o partido pódeche meter ou non. Eu vou estar aí adestrando e traballando para cando me toque a oportunidade".
Finalmente, Hugo Vallejo, co Santiago Bernabéu no horizonte, subliña que "agora mesmo estou a pensar no Deportivo, en facer unha boa temporada. Mentres estea aquí teño que pensar no Dépor e en facelo ben, en axudar ao equipo".