Hugo Vallejo e Víctor Mollejo pasáronse pola zona mixta do Estadio Xogos Mediterráneos.
Hugo manifestou que "non estamos afundidos pero dóenos traballar tanto para irnos así".
Recoñece que "as que tivemos non as metemos. Un día duro hoxe". Iso si, resalta que "o equipo está unido e imos seguir traballando. Temos que estar a pensar no seguinte".
Cre que o equipo cometeu "fallos que hai que mellorar". "Irnos así nos doe a todos", engade.
Hugo Vallejo reitera que "hai que pensar xa no seguinte partido porque isto xa pasou. Toca adestrar, mellorar e seguir crecendo".
Pola súa banda, Víctor Mollejo apunta que "hoxe o Dépor foi moi inferior. Desde o primeiro momento fomos excedidos. Non fomos fortes atrás. Ímonos doídos porque foi unha derrota moi dura. Non se viu o que o equipo é, o que o míster quere do equipo".
Pide agora ter "a mente fría, estar tranquilos e pensar na seguinte xornada".
Para o atacante deportivista, "estamos aí porque fixemos unha primeira volta que non foi boa. Agora, a pesar de estar nunha boa dinámica veste en zona de descenso. O equipo sempre foi realista, sempre pensou que é unha posibilidade. Toca virnos arriba e tentar saír de aí todos xuntos".
Do mesmo xeito que Hugo Vallejo, ten en mente xa o partido ante o Sporting de Gijón en ABANCA-RIAZOR: "Temos en mente as cousas que fallamos para mellorar. O partido do Sporting é crucial para nós. Esperemos que a xente nos apoie, nos axude. Oxalá podamos gañar ese partido".
Á afección, Mollejo quixo "pedir desculpas porque hoxe o equipo non tivo a identidade que tivo noutros partidos. Perdón polo día de hoxe. Esperámolos a seguinte fin de semana porque imos tentar mellorar e esperámolos porque son un alicerce fundamental".
Opina que o sistema de Fernando Vázquez "deunos moitas cousas. A pesar dos malos resultados, todo o que faga o míster ten credibilidade, tanto desde fóra como desde dentro. O que diga o míster vai a misa e iremos a morte con el".
Márchase amolado por ver a 5ª amarela e recalca que "me estou esforzando moito en mellorar, en axudarlles (aos árbitros), en todo. E á mínima que faga sácanme cartón amarelo. Non creo que me estea servindo de moito. Pero é fútbol".