RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Idiakez cre que "o lóxico é que gañásemos ben" e apunta que "só nos queda levantar a cabeza dos rapaces"

Imanol Idiakez manifestou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que o empate ante o CD Eldense "sabe a pouco porque fixemos méritos. Os mozos fixeron un gran esforzo no campo; chegamos por todos os lados; e non tivemos ese acerto, esa capacidade para facer ese segundo gol que fóra bastante lóxico".

Pide para os seus futbolistas "animarlles. Isto é deporte, isto é fútbol profesional. Ás veces isto pasa".

Admite o técnico deportivista que "en ABANCA-RIAZOR doe máis porque os primeiros que queremos agradar a #ANOSAFORZA somos nós. Temos unha afección marabillosa á que queremos darlle alegrías e estannos custando as vitorias en ABANCA-RIAZOR pero a xente hoxe ten que irse satisfeita co esforzo dos mozos".

Insiste en que "temos capacidade. Antes ou despois van chegar os goles". "Seguro que ao final isto dá a volta porque normalmente as cousas ao final equilíbranse. Ás veces na vida pásanche cosas pero acábase equilibrando case todo. O importante é que sigamos traballando como estamos a traballar, que sigamos tentándoo", engade.

Non quixo pór escusas: "Tivémolas de todas as cores e non acertamos. Tamén sacamos moito balón parado que non estamos a atopar nada aí cando facemos moitas cousas. Houbo unha chea de corners con rexeites por alí que ás veces lle cae a un teu e entra. Hoxe tampouco. Estamos nesa".

Cunha avalancha de datos (saques de esquina, remates a porta...) estatísticos a favor do Dépor, Imanol subliña que "isto pasa e non hai explicación. Por iso o fútbol é tan marabilloso porque moitas cousas que pasan non teñen explicación. Ao final o que serve é metela".

Rememorando as ocasións falladas, apunta que "o lóxico é que gañásemos ben. Que non decaia a xente aí dentro e que sigamos. Estou convencido que se seguimos traballando así van chegar as alegrías".

Conclúe Imanol Idiaquez que "só nos queda levantar a cabeza dos rapaces, felicitarlles polo esforzo que fixeron porque fixeron moi bo partido e a #ANOSAFORZA darlle as grazas polo apoio. Estamos en débeda con eles e imos traballar como sempre para darlles alegrías".