RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

O Fabril, "capaz de estar a competir con 3 xuvenís no seu once titular", dobrega nunha gran segunda metade ao UM Escobedo

O Fabril goleou (4-0) ao UM Escobedo en Abegondo en partido correspondente á 8ª xornada de liga no grupo 1º de Segunda Federación.

Con este resultado, o filial suma 10 puntos e sitúase na 10ª posición da táboa.

O cadro fabrilista arrincou o partido con Pablo García, Guerrero e Noé no céspede. Na rolda de prensa pospartido, Óscar Gilsanz queda precisamente con que o equipo "foi capaz de estar a competir con 3 xuvenís no once titular. Iso é algo a ter en conta e a valorar nunha categoría dura sobre todo para os xogadores novos".

Ademais resaltou o preparador deportivista que "fomos capaces de estar no partido sempre, de ser fortes mentalmente para cando non estabamos moi finos ser capaces de seguir insistindo".

A primeira parte foi moi igualada, cun conxunto cántabro acumulando moitos xogadores por detrás da pelota e esperando a súa oportunidade á contra.

O filial tentouno até con dúas accións a balón parado ao saque de senllas faltas ben taponadas pola defensa do UM Escobedo.

"Foi o partido en casa no que estivemos máis espesos con balón, con pouco ritmo e custounos moito", admitiu Óscar Gilsanz.

Na segunda metade cambiou a decoración e o UM Escobedo empezou a recular ante o empuxe fabrilista.

Kevin Sánchez tentouno no minuto 50 desde fóra da área pero atallou ben colocado Mario Bastante.

Pouco despois chegou o primeiro gol. Nunha bonita xogada de pases nas que interviñeron até 5 fabrilistas, o balón chégalle a Alfaro dentro da área que bate a portería cántabra após tocar o balón nun defensa.

Este tanto acabou coa resistencia do UM Escobedo: "O acertar nunha das primeiras ocasións que tivemos permítennos atacar en espazos máis amplos", apuntou o técnico do filial.

Aínda por riba, aos 2 minutos, nunha xogada á contra recibe Noé en profundidade e mete o balón raso á área. Falla Kevin en boca de gol pero Guerrero, no segundo pau, fai o segundo.

Co partido controlado, Kevin Sánchez protagonizou a mala noticia da tarde. O internacional viuse obrigado a retirarse por lesión. "Subíuselle un xemelgo. Aínda non estiven cos Servizos Médicos pero esperemos que sexa simplemente iso", desexou o adestrador fabrilista.

Puido meterse o conxunto cántabro no partido cun remate de volea de Somaza que sacou entre o pau e Alberto. "O partido puido cambiar porque faltaban 15 minutos e hai moito partido por diante. Son accións puntuais que poden cambiar o partido loxicamente", resumiu Óscar Gilsanz ante os medios de comunicación.

E cousas do fútbol, case á xogada seguinte, Fabi, en acción individual, sentencia o partido. O atacante fabrilista métese na área case sen oposición e, a pesar de estar algo escorado, cruza o esférico lonxe de Mario Bastante.

Os minutos finais, con todo decidido, serviron para dar minutos de xogo a Luisao, superada a súa lesión muscular.

O gardameta do UM Escobedo evitou o 4º do Fabril ao sacar in extremis un remate de Nsongo Bil nunha contra levada por banda esquerda por Íker Vidal.

A pesar de estar todo resolto seguiuno tentando o filial, como un centro chute de Dylan no minuto 84 que se marcha rozando o recanto dereito da portería cántabra.

O UM Escobedo tivo a súa oportunidade de maquillar o resultado cun dobre remate na área que saca Alberto en primeira instancia e logo Izam envía lixeiramente desviado.

Con todo foi Dylan o que pechou o partido no minuto 90. Recibe de Luisao e libre de marca bate por baixo a Mario Bastante no cuarto tanto.

Así pois, plácido final de partido para o Fabril, que se reencontra coa vitoria após o mal sabor de boca do partido da pasada fin de semana en Luanco.

O vindeiro sábado 26 de outubro ás 12:00 o filial visita ao Rayo Cantabria.

Fabril: Alberto, Pablo García, Aarón, Marotías, Íker Vidal, Alfaro, Kike Fernández (Damián, min. 79), Guerrero (Dylan, min. 79), Noé (Luisao, min. 76), Fabi (Dylan, min. 76) e Kevin (Nsongo Bil, min. 64)

UM Escobedo: Mario Bastante, Morales, Víctor, Izam, Nacho M. (Saza, min. 53), Gon Peña (Aarón, min. 53), Laro Gómez, Raúl (Somaza, min. 68), Picón (Fermín, min. 13), A. Cagigal e Juan Casar (Jay Romero, min. 68)

Árbitro: Alberto Sánchez Ingidua, do comité castelán-leonés. Amoestou a Raúl (min. 44), Fermín (min. 58), Juan Casar (min. 62) e Somaza (min. 83)

Goles: 1-0 Alfaro (min. 52); 2-0 Guerrero (min. 54); 3-0 Fabi (min. 73); 4-0 Dylan (min. 90)

Incidencias: partido correspondente á 8ª xornada de liga no grupo 1º de Segunda Federación disputado en Abegondo