RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Idiakez: O partido para nós tivo moitos accidentes

Imanol Idiakez cre que o partido no Estadio Reina Sofía ante Unionistas de Salamanca CF "para nós tivo moitos accidentes. A palabra de hoxe é accidente porque perdemos dous xogadores por lesión, un ao empezar o partido e outro na segunda parte; o gol tamén foi un accidente e a pesar diso sacamos o empate".

Admite que os últimos minutos "cun máis non xestionamos da mellor maneira. Eles estiveron máis listos que nós pero con todos os accidentes que houbo sumamos 1 punto. Queriamos 3. O equipo traballouno e non podemos pór nin un pero ao traballo dos futbolistas".

Preguntado pola lesión de Barbero, opina que "se xunta que non temos a Lucas e a Yeremay; e a súa baixa ten máis influencia. Puxemos a Davo. Logo sacamos a Martín Ochoa. Esperemos que non sexa moito".

Ademais confirmou que a David Mella, que tamén se tivo que retirar na segunda metade, "rompéronlle o nariz. En 4 xornadas rompéronnos un peroné e un nariz. E hoxe algunha que outro nariz podía caer. Preocúpame o nivel de agresividade que están a ter os rivais connosco. Está ben que se xogue ao límite pero rompéronnos un nariz e un peroné; e como sigamos así para novembro non temos futbolistas".

O técnico branquiazul subliña que o Dépor "a pesar de todos os accidentes refíxose. Os mozos pelexárono pero a realidade é que temos un peroné roto e un tabique nasal partido hoxe".

Pensa que na primeira parte "custounos. É verdade que Unionistas é un equipo ben traballado, que fai as cousas moi difíciles aos rivais, que está moi encima, que che dificulta a saída. Ademais ten un xogo directo coa xente de arriba, a punta e a de segunda liña que incomoda moito. Custounos dominar, custounos entender onde estaban os espazos porque entendemos que era por fóra e quizais por dentro tiñamos un pouco máis".

Após o descanso, e ao marcar Unionistas, "tivemos bos minutos, máis situacións. O pau podía entrar. Hai mellora pero este tipo de contextos ímolos atopar. Unionistas por algo é aquí tan forte. Unha lección máis e un paso máis no camiño".