O Dépor empatou (1-1) no Nuevo Los Cármenes ante un dos aspirantes ao ascenso, o Granada CF, en partido correspondente á 4ª xornada en LaLiga Hypermotion.
A empresa non foi sinxela posto que o rival, o Granada CF, é dos fortes da categoría após caer a pasada campaña de LaLiga EA Sports.
Ademais, circunstancia que resaltou Imanol Idiakez na sala de prensa, o Dépor viuse por detrás no marcador case ao cuarto de hora: "Gustoume todo o que pasou e como reaccionou o equipo".
O técnico deportivista repetiu o mesmo once co que o pasado domingo en ABANCA-RIAZOR superou ao Racing de Ferrol.
Así, Mella actuou atrasado no carril zurdo e Barbero fixo de referencia arriba.
Onte en Abegondo o técnico branquiazul insistiu en que "temos un cadro con variantes. Sumamos xente de nivel e que o lóxico é que durante a competición pasen moitas cousas: diferentes formulacións, estratexias, plans de partido..."
Pola súa banda, o Granada CF saltou ao cesped co ex deportivista Marc Martínez na portería en lugar de Luca Zidane lesionado. No once andaluz figuran futbolistas de dilatada traxectoria como Reinier, Weissman ou Trigueros, con quen coincidiu Idiakez no Vilarreal CF e ao que cualificou como "un futbolista como un templo".
Saíron os andaluces lanzados e cunha presión alta a por a súa primeira vitoria após caer ante o Albacete Balompé (1-2) e SD Huesca (1-3).
Nun centro lateral dun saque de esquina Rubio cabeceou lixeiramente alto. Corría o minuto 3.
Pablo Sáenz, ao cuarto de hora, disparou lixeiramente desviado ao pau dereito de Helton nunha transición rápida granadina. Ao minuto Weissman xutou alto ao querer colocar un balón na frontal da área. Apertaba o Granada CF en saídas veloces.
Nunha delas, nun centro lateral raso, Pablo Martínez, no seu afán por cortalo, introdúceo na portería de Helton.
O Granada CF púñase por diante no marcador froito sen dúbida do seu fulgurante comezo de partido.
O adestrador branquiazul explicou no pospartido que o conxunto nazarí "hoxe cambiou a estrutura. Saíu con 3 centrais e 2 carrileros. Até agora nunca o fixo e nese inicio custounos ler o partido".
O tanto deixou noqueado ao Dépor, que perdeu neste tramo de partido de vista a meta de Marc Martínez.
"Custounos moito entender onde estaban os espazos, roubábannos moito a pelota na saída. Atoparon premio nas transicións", subliñou o preparador deportivista.
Os branquiazuis víanse obrigados a empregar balóns longos ás costas da defensa andaluza para tratar de sorprender aos branquivermellos.
Villares, no minuto 25, cabeceou ao segundo pau un saque de esquina. Marc Martínez atrapou con certos apuros.
Iso si, cando o Dépor tiña a pelota obrigaba ao Granada CF a replegarse no seu campo.
Respondeu Ricard ao gañarlle a acción a Mella na liña de córner pero o seu chute foi interceptado pola defensa deportivista en última instancia.
No minuto 32, o colexiado castelán-leonés anulou un gol por fóra de xogo claro de Jose Ángel, que rematou no segundo pau após un saque de esquina lanzado en curto entre Lucas e Yeremay.
Após a pausa de hidratación, Imanol Idiakez modificou aos deportivistas. Villares pasou ao lateral dereito, mentres que Ximo, ao esquerdo. Mella adiantou a súa posición e cambiou á banda dereita. Yeremay situouse na esquerda. Finalmente, Mario Soriano atrasou a súa posición ao centro do campo, tal e como sucedeu na segunda parte en Huesca.
E os branquiazuis, hoxe co segundo equipamento, si tiveron máis a pelota. "Fomos capaces de interpretar onde estaban os espazos. Na primeira parte custounos moito. De todo isto apréndese", subliñou Imanol Idiakez ante os medios de comunicación.
A última ocasión antes do descanso foi para o Granada CF nun contragolpe que cabeceou Miquel ás mans de Helton.
Após o descanso, Imanol continuou co mesmo debuxo co que acabou o Dépor os primeiros 45 minutos.
Empataron os deportivistas no minuto 47. O equipo saíu ben, con Mario Soriano, da presión alta do Granada CF, o balón chégalle a Mella en banda esquerda, que centra ao segundo pau. Yeremay deixa de tacón antes de que salga pola liña de fondo e Lucas, libre de marca, supera a Marc Martínez.
Nada máis sacar de centro rouba outra vez Jose Ángel e de novo, con Mella de protagonista, a defensa saca in extremis un balón que Mario Soriano ía xutar na área pequena.
Noutra contra, Lucas serve a Mella quen, obstaculizado por un defensa, remata raso lixeiramente desviado.
O Dépor fíxose co mando neste tramo do partido, con Mario Soriano levando o mango. E todo no medio dunha especular tormenta con choiva e descarga eléctrica.
Imanol Idiakez releva á punta. Barbero deixa o seu sitio a Bouldini.
Yeremay dispara frouxo ás mans de Marc Martínez en plena tromba de auga.
Pouco despois, noutra xogada de ataque deportivista, Bouldini non logra rematar na área pequena despois de varios centros.
Entre Yeremay e Mario Soriano fabricaron unha gran ocasión con parede na área que sacou Marc Martínez abaixo.
A bancada asubiaba aos seus futbolistas mentres que o Dépor era o amo e señor do partido.
Pero nunha xogada illada, a Lucas Boyé, un dianteiro doutra categoría, o VAR anuloulle un gol por fóra de xogo. Corría o minuto 77. O dianteiro revolveuse ben e cruzou o balón entre os centrais para bater a Helton.
"Seguro que aos xogadores ese gol lembroulles o que sufrimos en Huesca na úlima xogada. O xogador é persoa e pensou 'hostia, a ver se se nos vai a escapar'. No banco viamos máis o partido para gañalo que para perdelo. Ese último tramo custounos máis enlazar. Seguiamos tendo algunha situación pero sen claridade", indicou Imanol.
Ese 'non gol' espoleó ao Granada CF, que si apertou de novo en ataque. Villar xutou con dureza e saca Helton con apuros.
No outro área Lucas, no 89, quixo centrar e por pouco sorprende a Marc Martínez. O balón sae lixeiramente alto.
O partido non deu para máis. Esta vez o Dépor si aprendeu a lección e soubo pechar a portería para polo menos sumar un punto de prestixio en casa dun dos favoritos.
Granada CF: Marc Martínez, Ricard (Rubén Sánchez, min. 73), Miguel Rubio, I. Miquel, L. Williams (Insua, min. 63), C. Neva, Sergio Ruiz, M. Trigueros (G. Villar, min. 83), Reinier (Siren Diao, min. 83), Pablo Sáenz (T. Corbeanu, min. 63) e Weissman (L. Boyé, min. 73)
RC Deportivo: Helton, Ximo Navarro, Pablo Vázquez, Pablo Martínez, Mella (Gauto, min. 78), Jose Ángel, Villares, Mario Soriano (Cristian Herrera, min. 87), Yeremay (Petxarromán, min. 87), Lucas (Mfulu, min. 90+3) e Barbero (Bouldini, min. 63)
Árbitro: Cid Camacho, do comité castelán-leonés. Amoestou a L. Williams (min. 27), Pabo Sáenz (min. 60), Ricard (min. 70)
Goles: 1-0 Pablo Martínez, en propia porta (min. 16); 1-1 Lucas (min. 47)
Incidencias: partido disputado no Nuevo Los Cármenes con sol e bochorno primeiro e unha espectacular tormenta despois. Medio milleiro de afeccionados deportivistas estiveron nas bancadas animando sen cesar. Gardouse un minuto de silencio polo falecemento de Candido Gómez 'Candi', ex xogador e ex presidente do Granada CF