RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Imanol Idiakez: "A temporada é moi longa, sabemos que temos un cadro de nivel e está a traballar fenomenal"

Imanol Idiakez expresou este mediodía na sala de prensa de Abegondo a súa "confianza absoluta" nos futbolistas con menos presenza neste tramo da liga: "o que pasa que cada semana só poden xogar 11 de inicio e evidentemente un ten que ir dando estabilidade aos xogadores. A temporada é moi longa, sabemos que temos un cadro de nivel e está a traballar fenomenal".

Lembrou que "estamos a ter moitísimas situacións de gol e iso tamén ten que ver cos xogadores que están a xogar ou coa variedade de comportamentos que teñen. Todos nos dan cousas e as ocasións non aparecen por casualidade, aparecen polo funcionamento do equipo, polo comportamento dos xogadores no campo".

Admite que "non estamos a ter a eficacia que nos gustaría pero de verdade que estaría moito máis preocupado se non tivésemos ocasións, se non chegásemos. Estamos a tentar mellorar, estamos a tentar que chegue o acerto, pero o acerto ás veces é un pouquiño caprichoso. Vivímolo este ano coa goleada en Albacete, que caeron todos á vez o mesmo día. Estamos convencidos de que os goles van seguir chegando. O outro día marcou Bouldini por primeira vez que sempre para os dianteiros é importante".

Subliña o técnico deportivista que "temos o máis importante, que é a capacidade e a actitude para xerar ocasións. E estou convencido de que mañá outra vez ímolas a ter".

Pon ante os medios de comunicación como exemplo a Cristian Herrera, que no pasado partido ante o CD Eldense "tivo dúas situacións, unha que cruza e para Mackay. E o luns no adestramento fixemos unha situación parecida, tirou 5 e meteu 4. Isto pasa. O acerto moitas veces non ten unha explicación. Sei que vivimos nun mundo, e máis nós, que lle queremos buscar explicación a todo e que sobre todo as explicacións son a posteriori, que é o máis sinxelo; pero é que o gol é no momento. Cando cáeche aí a pelota hai que metela e se a metes pois acertas e se non a metes non acertas. Temos capacidade, temos currículo de xogadores con gol e nese aspecto estou convencido que van chegar porque estamos a xerar situacións. Estamos a ter falta de eficacia, que as nosas porcentaxes con respecto ás ocasións son baixos, pero sería preocupante que non as tivésemos e en cambio estamos a telas, así que iso quere dicir que o equipo xera".

Finalmente do Levante UD, rival mañá xoves ás 19:00 (LaLiga TV Hypermotion) no Estadio Ciutat de València, opina que é "un equipo que está feito para ir para arriba. O ano pasado xa tiñan un equipazo, este ano tamén. Ten xogadores como Iborra, que agora mesmo está fóra, pero fixádevos o currículo que teñen outros cuantos. Está nun momento no que nas últimas xornadas non atoparon o gol. Empezou facendo gol fácil, agora estalle custando un pouquiño máis. Ten moitísimo talento na parte de arriba, un adestrador que prepara sempre moi ben aos seus equipos, que lles fai moi competitivos; e non podemos esperar outro partido que un de máxima dificultade alí".