RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

O Dépor, despois dun primeiro tempo "terrible", vén sen puntar do Ciutat de València

Sen pausa nunha das competicións máis igualadas do fútbol europeo, o Dépor caeu esta tarde co Levante UD (2-1) nun partido decantado cunha primeira parte "terrible" dos branquiazuis, tal e como a definiu en rolda de prensa Imanol Idiakez.

Con este resultado, o conxunto deportivista queda con 10 puntos na 18ª posición de LaLiga Hypermotion.

O técnico deportivista sente "totalmente responsable porque non se corresponde nin con esta camiseta nin co equipo. Estabamos a construír algo que tiñas bases sólidas e na primeira parte non cumprimos ningún dos mínimos exixibles para saír a un campo de fútbol deste nivel; e o rival pasounos por encima, e máis coa calidade que teñen".

Os Nosos chegaban a Valencia despois do empate (1-1) do pasado sábado en ABANCA-RIAZOR ante o CD Eldense; e coas baixas de Jaime, Mfulu, Jose Ángel e Gauto.

Coas ausencias dos dous medioscentros, Imanol Idiakez afirmou na rolda de prensa previa que "onde hai problemas hai solucións".

E esas opcións pasaron polo debut de Charlie Patiño no once inicial acompañado por Diego Villares e Mario Soriano na sala de máquinas, con Yeremay e Mella polas bandas.

Pola súa banda, o Levante UD, que a pasada fin de semana perdeu (2-0) co CD Castellón e saldou con 1 empate e 2 derrotas os seus 3 últimos partidos, presentábase ante os seus afeccionados 9º con 15 puntos.

Após uns primeiros compases de tenteo, Kochorashvili foi o primeiro en xutar a porta aos 4 minutos pero o seu disparo atállao Helton Leite ben colocado.

Pouco despois, Álvarez remata moi duro desde a frontal e a meta brasileiro despexou a saque de esquina nunha gran intervención.

Ao lanzamento de córner, Iván Romero cabecea á rede no primeiro gol da tarde. O Levante UD púxose en vantaxe xa nestes minutos iniciais practicamente no seu terceiro remate a portería.

O Dépor tenta espertar. Aos 13 minutos, Villares cabecea ao traveseiro un lanzamento de falta lateral de Lucas. O porteiro Andrés Fernández non puido facer nada.

O Levante UD volve golpear pasados os 20 minutos. Pablo Martínez, desde fóra da área, dispara ao pau dereito da meta de Helton Leite.

Pouco antes, Helton Leite sacou un remate na área de Carlos Álvarez nunha acción dubidosa pola posición do atacante levantino.

Iván Romero volveu marcar nunha transición rápida dos granotas. O atacante levantino burla a saída de Helton Leite cunha vaselina e subía o 2-0.

O encontro púñase moi costa arriba aos deportivistas.

Aos 34 minutos, Mella, no segundo pau, non pode precisar o seu remate a centro de Lucas. O balón, con demasiada forza, prexudicou ao canteirán.

O mesmo ocorreulle a Morales no outro área a centro desde a banda dereita de Andrés García.

Eran superiores os locais, que levaron os duelos en practicamente todas as partes do campo.

Nun chispazo do Dépor, Mella chega á liña de fondo e o seu centro ao corazón da área non atopa rematador.

No entanto, Lozano a punto estivo de subir o terceiro no minuto 43 de novo nun saque de esquina. Non deu a dirección correcta ao seu remate que se foi lixeiramente alto case desde a área pequena.

"É inadmisible. Os da zona non estamos ben colocados, chegamos tarde ao balón e 4 señores rematan 4 veces sós. Eu cando vou rematar non me dan nin un centímetro. En defensa non estamos a ser competitivos. Hai que asumilo, dicilo e melloralo", apuntou Pablo Vázquez na zona mixta.

Con este resultado adverso chegouse ao descanso.

Após o paso polos vestiarios, Imanol Idiakez deu entrada a Bouldini por Charlie Patiño. O ex dianteiro do Levante UD quedaba como referencia en punta, con Lucas agora por detrás.

Ao minuto de xogo, Andrés García, un puñal pola súa banda, xuta lixeiramente desviado á dereita da portería de Helton Leite.

Pouco despois, Pablo Martínez remata alto dentro da área obstaculizado por un defensor deportivista.

Non era capaz o Dépor de atopar o camiño da portería de Andrés Fernández.

Si puido meterse no partido no minuto 52 cun lanzamento de falta directo de Lucas que desvía a córner Andrés Fernández nunha gran parada.

Non obstante o xogo seguía cómodo para o Levante UD, que, consciente da súa vantaxe, replegouse para evitar sustos.

Pouco despois, Cristian Herrera e Ximo Navarro relevaron a Yeremay e un amoestado Petxarroman.

Aos 65 minutos, Kochorashvili remata raso e lixeiramente desviado do pau dereito da portería deportivista.

No outro campo respondeu Dani Barcia cun disparo desde a frontal que se marcha fóra por pouco.

O choque entraba na súa recta final co horizonte despexado para o Levante UD, que puido lograr o terceiro pero a cabezada de Elgezabal vaise alto de novo nun saque de esquina.

Nunha das poucas transicións deportivistas no partido, Bouldini cede a Mella por banda esquerda e o canteirán xuta ao lateral da rede de Andrés Fernández. Corría o minuto 75.

Barbero, no 83, aproveitou un balón morto ao bordo da área granota para xutar con forza. Andrés Fernández desvía a córner.

Pero esta Liga Hypermotion é así de imprevisible. Barbero anota o 2-1 no minuto 87 nun dos poucos descoidos da zaga do Levante UD e o partido cambia máis que nada pola incerteza do marcador.

O Dépor tratou de, á heroica, rabuñar polo menos un punto que non fixese tampouco xustiza. Pero faltou tempo e claridade.

"Fixemos unha segunda parte bastante decente que igual nos podía dar até para empatar pero un equipo deste nivel non se pode permitir a primeira parte que fixemos", recalcou Imanol Idiakez na súa comparecencia ante os medios de comunicación.

Levante UD: Andrés Fernández, Andrés García, Dela, Elguezabal, Kochorashvili, Romero (Espí, min. 78), Morales (Fabricio, min. 72), Lozano, P. Martínez (Xavi Grande, min. 85), Álvarez (Clemente, min. 72) e Navarro

RC Deportivo: Helton Leite, Petxarroman (Ximo Navarro, min. 62), Pablo Vázquez, Dani Barcia, Obrador (Escudero, min. 75), Villares, Charlie Patiño (Bouldini, min. 46), Mella, Yeremay (Cristian Herrera, min. 62), Mario Soriano e Lucas (Barbero, min. 80)

Árbitro: Sánchez López, do Comité murciano. Amoestou a Obrador (min. 42), Petxarromán (min. 46), Clemente (min. 90) e Kochorashvili (min. 90)

Goles: 1-0 Iván Romero (min. 8); 2-0 Iván Romero (min. 28); 2-1 Barbero (min. 87)

Incidencias: Encontro correspondente á 11ª xornada en LaLiga Hypermotion disputado no Estadio Ciutat de València ante 13.562 espectadores