Sen pausa nunha das competicións máis igualadas do fútbol europeo, o Dépor mídese mañá xoves 24 de outubro ás 19:00 ao Levante UD (LaLiga TV Hypermotion), "un pedazo de rival" tal e como o cualificou Imanol Idiakez, en partido correspondente á 11ª xornada en LaLiga Hypermotion.
Os Nosos chegan a Valencia na 18ª posición con 10 puntos despois do empate (1-1) do pasado sábado en ABANCA-RIAZOR ante o CD Eldense.
O cadro branquiazul, coa presenza dos canteiráns Aarón, Pablo García e Álex Alfaro, realizou esta mañá en Abegondo unha última sesión de traballo cunha activación, xogos e roldo, e un repaso ao plan de partido e ás accións a balón parado.
Están de baixa médica Jaime, Mfulu, Jose Ángel e Gauto, que entrou na recta final da súa recuperación e xa realiza tarefas co grupo.
Finalmente Pablo García e Álex Alfaro son os representantes de #ANOSACANTEIRA na lista de futbolistas que esta tarde viaxarán a Valencia nun avión que despega do Aeroporto da Coruña ás 17:00 horas.
En rolda de prensa Imanol Idiakez afirmou este mediodía sobre as ausencias que "onde hai problemas hai solucións. Temos que buscar solucións".
Sostén que "as lesións sempre aparecen. Tardaron. Nunca queremos que aparezan pero apareceron. Coincide a lesión de Jose Ángel con Nuke (Mfulu) na mesma posición (mediocentro). E Jaime que o utilizamos aí. A buscar solucións, que temos recursos; e mañá haberá un once competitivo no campo".
O técnico deportivista apunta que ten "varias posibilidades na cabeza e mañá aclararemos".
Entre esas opcións admite que está Petxarroman: "No verán para fichalo vimos moitos partidos e nuns cuantos vinlle xogar aí. É un xogador que xogou en Primera División nese posto e que ten capacidade para render sen problemas aí".
Pola súa banda, o Levante UD, que a pasada fin de semana perdeu (2-0) co CD Castellón e saldou con 1 empate e 2 derrotas os seus 3 últimos partidos, é 9º con 15 puntos.
Julián Calero, o seu adestrador, afirmou en rolda de prensa que "somos deportistas de elite que estamos afeitos convivir coa vitoria e coa derrota. Non nos pode frear nin unha cousa nin a outra nos pode sobreexcitar".
O club levantino fixo un repaso nas súas redes sociais aos duelos entre ambos os equipos no Ciutat de València, un total de 23 partidos con 5 vitorias branquiazuis, 4 empates e 14 derrotas; con 21 goles a favor e 21 en contra.
Ademais, o Levante UD lembra que adestradores como Lelé, Orizaola, Irulegui, Caparrós e José Luis Oltra; ou xogadores como Claudio, Nando, Viqueira, Pinillos, Molina, Munúa, Verdú, Koke Vegas ou Bouldini militaron en ambos os equipos.
Precisamente sobre Bouldini o preparador granota afirmou que "é un xogador de área que competiu ben a temporada pasada connosco. Polas circunstancias non se quedou no cadro. Nos seus inicios co Dépor tivo lagoa lesionciña e xa o outro día xogou, marcou. É un xogador que che dá ese punto de remate, esa referencia. Deséxolle o mellor pero que mañá non teña un bo día".
No Ciutat de València esta temporada os granates gañaron ao CD Eldense (3-1) e á UD Almería (4-2); e empataron co Cadiz CF (1-1) e Real Oviedo (0-0).
Finalizado o encontro, Os Nosos regresan á Coruña e adéstranse de novo en Abegondo o venres 25 ás 12:00.