RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Imanol Idiakez: Desde hai semanas hai dentro unha enerxía moi positiva, un vento que nos empuxa

Imanol Idiakez manifestou este mediodía na sala de prensa que a clave do bo momento do Dépor é a enerxía: "Creo moito nas enerxías e por iso insisto tanto no importante que somos todos, incluído vós (en referencia aos medios de comunicación) aquí. A enerxía que se xerou nas últimas semanas ao redor do equipo é algo que non se pode medir, non hai GPS que o mida, non hai nada que o poida cuantificar, pero é o máis importante na vida, a enerxía. Agora dentro, desde hai semanas, hai unha enerxía moi positiva, un vento que nos empuxa e o único que temos que facer é seguir empuxando para que esa enerxía non cambie".

Ante a visita á SD Logroñés este sábado 10 de febreiro ás 18:00 nas Gaunas (FEF TV), un rival que transita pola zona baixa da táboa, lembra que "a semana pasada xa expuñamos o partido ante o CF Fuenlabrada como o reto de ser capaces de, ante ese tipo de rivais que na primeira parte da temporada en ABANCA-RIAZOR atascáronsenos, ser capaces de liquidalos. O outro día fixemos unha demostración do nivel que queremos dar nese tipo de partidos. Nós imos partido a partido. Eu sei que de cando en vez botades olladas un pouquiño máis a longo prazo, que se xaneiro, que se febreiro... pero nós só podemos ir partido a partido porque cada partido cambia todo".

Recalca o adestrador deportivista que "estamos en boa dinámica, que é o máis importante. O equipo está nunha enerxía positiva importante e sobre todo queremos mantela. Temos unha oportunidade de continuar coa remontada e estamos moi centrados no sábado".

Despois de tres vitorias consecutivas, Imanol Idiakez advirte que "cando todo o mundo é negativo hai que ser positivo e cando todo o mundo é positivo, hai que ser cauto. Hai que ter humildade neste momento. Estamos nun bo momento, sabémolo, pero é un valor importante nun equipo de fútbol manter a humildade. Agora mesmo se nos deixamos levar polo que recibimos, polos halagos, seguramente nos imos a debilitar. O vestiario é nese aspecto un vestiario experimentado, sabe perfectamente como funciona este negocio e ten os pés no chan".

Alerta que este sábado 10 de febreiro nas Gaunas "temos un partido dificilísimo, contra un rival que cambiou de adestrador, que lle custou a Aitor Larrazábal con Gorza Iraizoz unhas semanas coller o punto ao equipo, pero veñen de dous empates seguidos, veñen de empatar en Barcelona, que sabemos perfectamente a dificultade que ten ese rival, acabando o partido case para gañalo".

Así pois, apunta que "temos que estar moi preparados para facer un moi bo traballo porque o rival nolo vai a pór moi difícil".

Precisamente o preparador deportivista opina que Larrazábal na SD Logroñés "está na procura que temos todos os adestradores cando chegamos a un sitio novo. Probou varias cousas diferentes, incluso a semana pasada no partido contra o Barça empeza dunha maneira e logo traballa doutra, empatan e acaba o partido volvendo cambiar de estrutura. Estamos a preparar o partido coas dúas posibilidades que entendemos que máis está a repetir, pero incorporáronse algúns xogadores na última semana de mercado. O outro día Schmerbock saíu na parte final do partido e fixo un bo traballo. Larrazábal, coas pezas que xa lle quedaron despois do mercado de inverno, vai tendo un pouquiño máis a súa idea e imos ver o sábado que nos expón. É un adestrador que manexa diferentes estruturas e temos que estar preparados para o que nos poida expor".

Finalmente Imanol Idiakez asegura que non lle sorprendeu o nivel de #ANOSACANTEIRA: "Desde que chegamos criamos que había ese potencial aquí. Vemos como se traballa no fútbol basee, como traballan os adestradores do filial, xuvenís... de aí para abaixo e tiñamos claro que hai potencial. O tema da canteira é traballar, darlles as ferramentas para que poidan crecer e logo cando un entende que están preparados, que poidan ter a oportunidade de xogar. É unha mestura de ambas as cousas. Estou moi contento por como está a ir a temporada nese aspecto e sabemos que Abegondo é clave no presente e no futuro do Deportivo. Ese é o camiño que queremos seguir".