O Dépor ABANCA sufriu unha nova e inxusta derrota na súa visita ao Sevilla FC, nun partido que decantaron o vento, o balón parado e os erros arbitrais nos primeiros 45 minutos, despois dos que as locais dominaban por un enganoso 3-0.
O partido comezou cun claro penalti de Maite sobre Athenea que a colexiada non sinalou no minuto 3. O Sevilla FC gozaba do vento a favor pero os principais achegamentos protagonizábanos as branquiazuis. No minuto 7, Raquel Pinel, soa no segundo pau, bateu frouxo a mans de Sullastres, pero dous minutos despois Peke, no seu partido 100 como deportivista, tivo un balón a portería baleira que non puido aproveitar. Alba Merino colgou unha falta á área que peiteou Gaby, Peke loitou pola pelota entre as centrais, a porteira rival saíu en falso, pero a dianteira non puido remachar o balón botando, que afastaron as defensoras locais. No minuto 12, un contragolpe lanzado por Blanco culminouno pola dereita Peke, cun centro-chute raso que buscaba a Athenea e que Noelia Ramos desbaratou en dous tempos.
As sevillistas apenas xeraran perigo pero adiantáronse recentemente cumprido o cuarto de hora, nun córner que peiteou Pinel no primeiro pau e que cazou Claudia Pina na área pequena para fusilar a Sullastres.
O Dépor ABANCA non acusou o golpe e segundos máis tarde Ainoa estivo a piques de empatar cun disparo afastado que marchou alto por pouco. Con todo, nun novo saque de esquina, o Sevilla FC abriu brecha. Raquel Pinel buscou o balón rexeitado en curto pola defensa herculina e á media volta, desde o punto de penalti, sacou un zurdazo que se coou por todo o recanto da meta defendida por Sullastres.
A desvantaxe de dous goles para nada afectou ao xogo do Deportivo ABANCA, que estivo a piques de recortar distancias nun córner pechado que Noelia Ramos sacou da cabeza de Peke por milímetros, no minuto 23. O vento e o balón parado volveron aliarse co conxunto andaluz no minuto 34, cando unha falta lateral envelenouse e superou a Sullastres. Ainoa estivo rápida e hábil para despexar o balón coa súa cabeza practicamente sobre a mesma liña de gol.
No minuto 40 chegou unha acción que puido cambiar o partido. Isa Echeverri cometeu unha clara man dentro da área que a árbitra tampouco castigou. E do posible 2-1 pasouse ao 3-0, obra de Payne na seguinte acción ao bater a estadounidense a Sullastres polo primeiro pau despois dunha veloz acción pola dereita após un pase en profundidade de Claudia Pina.
A segunda metade acrecentou aínda máis o dominio das deportivistas, agora co vento ao seu favor. No minuto 47, Ainoa rematou alto coa dereita unha falta lateral lanzada por Eva Dios. No 50, chegou o tanto branquiazul, obra da propia centrocampista palentina. Cris filtrou un balón en tres cuartos para Ainoa, que deu dous pasos e soltou un canonazo desde 25 metros, acelerado polo vento favorable, preto do vértice superior esquerdo da portería local, imposible para a gardameta.
Cinco minutos máis tarde, Alba Merino tivo nos seus pés meter de cheo no partido ás coruñesas. A capitá branquiazul cazou un rexeite no punto de penalti e cruzou coa esquerda un balón que saíu lamiendo o pau esquerdo do marco sevillista.
Durante uns minutos, o Sevilla FC conseguiu instalarse na metade deportivista do terreo de xogo, forzando numerosas faltas coas que apenas xerou perigo. A acción máis clara foi un libre directo de Claudia Pina que se perdeu moi preto do pau dereito após abrirse a barreira coruñesa.
No minuto 66, Athenea dispuxo dun balón parecido ao do segundo tanto andaluz, pero o coiro enviado pola cántabra perdeuse á dereita do portal sevillista. Dous minutos máis tarde, Helena Torres cabeceou alto unha falta lateral colgada por Alba Merino.
A murciana acababa de entrar por Eva Dios, co que o Dépor ABANCA volveu á defensa de catro e a xogar cun trío en ataque, con Peke e Athenea polos costados e Helena como referencia.
Co equipo máis envorcado e o cansazo acumulado, as oportunidades do Dépor ABANCA perderon claridade e cantidade. E os espazos deixados atrás abriron vías para os contragolpes sevillistas. Payne dispuxo dunha clara ocasión no minuto 73, pero o seu duro disparo detívoo Sullastres con seguridade. No 78 quen contratacou con vantaxe foi Nagore, pero Sullastres gañoulle o man a man.
Nos últimos dez minutos tiveron ocasións Peke, que por moi pouco non chegou a cabecear un centro de Helena Torres ao segundo pau; Alba Merino, nun lanzamento desde 30 metros con bote previo que atrapou Noelia Ramos; e Blanco, cun golpeo durísimo nunha falta moi afastada que botou xusto diante da gardameta local, que desviou a pelota milagrosamente a saque de esquina.
No tempo engadido, Sullastres volveu aparecer para tapar dous man a man a Inma e evitar un resultado que sería escandalosamente esaxerado.
Sevilla FC: Noelia Ramos, Toro, Isa Echeverri (Teresa, min. 71), Nagore, Almudena, Virgy (Lucía, min. 60), Maite, Payne, Claudia Pina (Coleman, min. 85), Ana Franco (Inma, min. 60) e Raquel Pinel (Karlernäs, min. 71).
Deportivo ABANCA: Sullastres, Cris (Michelle Romero, min. 81), Blanco, Iris, Villegas, Eva Dios (Helena Torres, min. 68), Alba Merino, Ainoa, Gaby, Peke e Athenea.
Goles: 1-0 Claudia Pina (min. 16); 2-0 Raquel Pinel (min. 20); 3-0 Payne (min. 41); 3-1 Ainoa (min. 50).
Árbitra: Cebollada López (c. aragonés). Cartón amarelo a Virgy (min. 23), Ana Franco (min. 36), Blanco (min. 56) e Lucía (min. 68).
Incidencias: partido da 29ª xornada de Primera Iberdrola disputado na Cidade Deportiva José Ramón Cisneros.