RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Jose Ángel di que o equipo está enchufado e Barbero, que somos unha piña

Jose Angel e Barbero pasáronse pola zona mixta do Estadio das Gaunas.

O mediocentro deportivista subliña "o camiño que levamos os últimos partidos, pensando en nós, en como facemos as cousas. Sabiamos que ía ser un rival difícil aínda que empezamos ben, puxémonos pronto co marcador a favor e iso facilita sempre as cousas. Seguimos coa mesma intensidade os 90 minutos por iso viuse un Dépor tan forte".

Admite que "estivemos cómodos en moitas fases do campo, soubemos atopar os espazos ben para que aparezan a nosa xente de calidade. É certo que estivemos cómodos pero sen ir ao 100%, sen traballar non se puido conseguir".

Cre Jose Ángel que "é o camiño a seguir. Estamos a facer grandes partidos, grandes actuacións, o equipo está enchufado, a xente que entra está enchufada. Hoxe por exemplo tivemos a Barbero de titular despois de moito tempo e fixo un grandísimo traballo. Estou contento con todos os xogadores, co que están a achegar e a seguir".

Finalmente márcase como meta "gañar a semana que vén. É o que temos en mente. Non podemos mirar máis nada que o seguinte partido. Agora temos outro partido en ABANCA-RIAZOR importantísimo. Será outro contexto diferente, outra guerra á que temos que ir. Non pensar en nada. Cando queden poucas xornadas xa miraremos como está a cousa".

Pola súa banda, Iván Barbero manifestou ante os medios de comunicación que "somos unha piña. Pasámolo moi mal na primeira volta, que non se daban os resultados. Agora con esa humildade que hai que ter, respectando sempre ao rival, mirando sempre a nós mesmos e con moitas ganas de que chegue o próximo partido".

Autor hoxe dun gol, comentou que a nivel persoal levaba "traballando para isto mes e medio. Por fin deuse a oportunidade e contento de aproveitala".

O dianteiro branquiazul confirma que "as sensacións no día a día son bastante boas. Faltábame ese puntiño de forma coa competición, que se colle tendo minutos. Estou contento por sumar minutos con esta camiseta e pola vitoria".

Opina que esta tarde "foi un partido moi completo de todo o equipo e as ocasións chegan soas. Os dianteiros temos que estar preparados para cando chegue a oportunidade. Estou contento por facer gol e por aproveitar a oportunidade", insiste.