RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Lapeña cre que en Talavera deuse "un paso importante para sentirnos gañadores cando salgamos fóra da Coruña"

Adrián Lapeña pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo minutos antes de arrincar o adestramento do primeiro equipo.

O defensor branquiazul opina que ao feito de estar sempre por detrás da cabeza "soubemos sacar algo positivo: sabiamos que nos tocaba sufrir todo o ano, estar a nos esixir ao 200 por 100 para poder conseguir o obxectivo que nós tiñamos. Pode ser que o vernos esixidos todas as semanas a gañar e levar na mochila ese sufrimento que tivemos nas primeiras xornadas agora fainos ir pasiño a pasiño, dándolle máis valor aos partidos, por exemplo o outro día fóra de casa que son 3 puntos de ouro".

Recalca que "soubemos aproveitar esa boa serie na que empezamos a remontar desde os primeiros partidos e a ese sufrimento que levabamos na mochila soubémoslle dar a volta para aproveitarnos diso e agora xogar un pouco máis liberados, con máis confianza, máis tranquilos. E iso nótase tamén a fin de semana".

Aínda que Real Madrid e o Alcorcón teñen que pasar por ABANCA-RIAZOR apunta que "nós temos saídas complicadas, por exemplo as do Linense, Racing de Ferrol, Córdoba... que tamén están na parte de arriba. Por tanto, parece tópico, pero o partido a partido é o que temos que ter na cabeza. O Badaxoz esta fin de semana tamén virá gañar porque ten os seus obxectivos. E valen os mesmos puntos os do Badaxoz que os do Alcorcón cando veña no seu día. Así pois, nós temos a cabeza centrada na fin de semana porque todo o que sexa saírnos de aí estariámonos equivocando".

Do encontro da primeira volta no Nuevo Viveiro, saldado con derrota deportivista no último minuto, lembra "un partido no que non nos atopamos en ningún momento. Non soubemos xerar nin realizar no campo nada do que nós viñamos facendo. Por tanto, se non somos capaces de repetir o que a nós nos nos gusta a fin de semana non imos estar preto de levarnos os 3 puntos e é o que pasou alí. Ademais sumouse a expulsión de Mario, que quedas con 10 e tócache sufrir o dobre. Por tanto, no vestiario si que é verdade que foi un golpe duro, pero sabendo que non foi o noso día, non fixemos nada do que o míster nos pediu, non nos atopabamos cómodos no partido e aquí espero que en ABANCA-RIAZOR, coa confianza que traemos dos resultados das últimas xornadas, teñamos esa capacidade e esa confianza para desenvolver o xogo que a nós nos gusta, en ABANCA-RIAZOR sobre todo".

Lapeña está satisfeito coa bagaxe de 4 puntos sobre 6 nas últimas dúas saídas consecutivas (San Sebastián de los Reyes e Talavera de la Reina): "Todo o que non sexa perder na segunda volta é moi importante. Sumar se é de 3 mellor, pero é importante non perder para non caerte de golpe da clasificación. Nós sempre queremos gañar todas as semanas, pero o que tes en fronte tamén e son rivais de grandísima calidade e con xogadores moi bos que tamén teñen os seus obxectivos. Xa na segunda volta apertan máis os dentes. Por tanto, temos que ir gañar, pero na cabeza tamén ten que estar o non perder".

Con varios equipos pelexando na cabeza, o defensor deportivista opina que esta temporada, "respectando a todos os equipos, son cun pouquiño máis de calidade, por tanto iso fai que ti tamén perdas máis puntos e fai que a clasificación se aperte. Por iso mesmo temos tantos equipos pelexando polos postos de arriba en comparación ao ano pasado, que igual a cousa estaba máis entre nós, o Racing de Santander, o Racing de Ferrol, que logo se distanciou un pouco. Iso tamén fai que cada fin de semana a esixencia sexa o dobre porque sabes que en calquera campo ou no propio ABANCA-RIAZOR calquera equipo pódeche pór as cousas moi difíciles e facerche perder puntos; e iso fai que o nivel do equipo suba, dos xogadores e do grupo tamén".

Considera Lapeña que, após a vitoria en Talavera de la Reina, o Dépor está "nun momento boísimo porque necesitabamos esa vitoria fóra de ABANCA-RIAZOR que nos dea a confianza ao equipo, para que se vexa capaz de gañar en todos os campos e que se senta gañador sobre todo fóra de casa, xa que en casa, co empuxe de #ANOSAFORZA, é todo moito máis sinxelo. Fóra de casa necesitabamos gañar, a fin de semana pasada fixémolo, é un pouco de liberación tamén para nós, para os xogadores, porque cada fin de semana que saímos fóra tes esa presión engadida de saber que levas tempo sen conseguir os 3 puntos fóra da túa casa. E nós tamén necesitamos sumar de 3 fóra de ABANCA-RIAZOR porque se queremos ser primeiros, as ligas gáñanse gañando fóra de casa; e creo que o pasiño que demos o outro día é un paso importante para sentirnos gañadores cando salgamos fóra da Coruña".

Admite dentro "da normalidade dun equipo de fútbol" o alternar titularidades con suplencias nos últimos partidos: "Por sorte tocoume a cara boa desde que cheguei aquí, pero é normalidade. O míster decide cada fin de semana a quen pór. Na súa cabeza ten o mellor 11. Eu tiven a sorte até agora de vir xogando todo, pero a miña actitude é a mesma. Eu o único que teño que facer é adestrar como cando xogaba para cando o míster me decida pór ou me toque xogar como o outro día sen quentar en San Sebastián de los Reyes, estea nas máximas condicións e coa concentración máxima para facer un bo partido".