Lista de convocados que se adestraron hoxe ás 12:00 para "recrear o aspecto de calor" prevista para mañá en Málaga
O Deportivo leva a 23 futbolistas, entre eles 3 porteiros, para o partido de mañá mércores 8 de xullo en La Rosaleda ante o Málaga CF (19:30 horas, Gol).
Caen da convocatoria por lesión Somma; Uche Agbo; Salva Ruiz, cunhas molestias nos isquiotibiais; e Nolaskoain. Do central vasco apuntou Fernando Vázquez en rolda de prensa que "quizais puxésemos uns prazos que se está demostrando que non eran realistas. Tiñamos a ilusión de que chegase para o Huesca pero a evolución dese nocello non é tan rápida como esperabamos e tampouco está para Málaga. A ilusión é que poida estar o vindeiro domingo".
Na citación está Dani Giménez, que hoxe tivo adestramento específico no ximnasio de Abegondo. "Segue cunhas molestias que non lle impiden render ao máximo nivel. E por iso estamos a ter coidado con el", aclarou o máximo responsable do cadro branquiazul.
Ademais, confirmou que Keko Gontán "para este partido non podo contar con el porque por contrato non o podo levar a Málaga", matizou tamén o técnico deportivista.
O adestramento desta mañá arrincou ás 12:00 horas. Fernando Vázquez desvelou na sala de prensa que o motivo deste cambio horario é o de "recrear o aspecto de calor que imos atopar", cunha temperatura moi alta na cidade andaluza á hora do partido.
Despois dun quecemento con rondos, os futbolistas branquiazuis realizaron unha tarefa de posesión con porterías pequenas e un partido para concluír.
O equipo viaxa mañá mañá mércores, día do partido, e regresa á Coruña após finalizar o choque en La Rosaleda.
Concluído o partido ante o Málaga CF, o Dépor ten previsto regresar aos adestramentos en Abegondo o venres 10 de xullo ás 11:00.