RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Luis Ruiz é "partidario de xogar"; pero lembra que nestes momentos "o importante é a saúde"

Luis Ruiz foi o protagonista hoxe mércores na sala de prensa virtual do RC Deportivo.

O carrilero deportivista conta que ten unha temporada máis de contrato "no caso de cumprir unha serie de partidos. Agora mesmo xa non podo cumprilo cos partidos que quedan. Gustaríame seguir outra temporada máis. O Dépor é un histórico, un club grande e estou moi a gusto. Pero iso non depende de min. Agora mesmo non é momento de pensar que vai pasar o ano que vén. Estamos nunha situación crítica a sociedade. Cando pase todo, valoraranse todas as cousas".

Confesa "ler por riba" o protocolo de LaLiga para retomar a actividade: "Perfecto non é. Risco é ata que non haxa unha vacina. Iso está claro. O protocolo o que quere é minimizar os riscos. Vai estar complicado que se cumpra ao 100 % porque moitas cousas son difíciles de cumprir e algo se vai a escapar. Polo menos minimizar os riscos. Pódese facer a proba a ver como vai".

Un dos puntos deste protocolo é unha concentración prolongada dos equipos, que "persoalmente non o vexo mal. Tanto tempo estar sen a túa casa, muller, nenos pódese facer máis duro. Pero estamos nunha situación extraordinaria e se queremos xogar temos que tomar medidas extraordinarias".

O futbolista branquiazul viviu de preto o virus que paralizou o mundo: "Un amigo meu bastante próximo morreu por estas circunstancias. Está a morrer moita xente. Hai que poñerse a pensar todo iso. Pensar en fútbol soa un pouco frío. Son as circunstancias que nos tocan. Tócanos dar un paso adiante. Non sei se debemos asumir riscos ou non. Iso teno que dicir Sanidade, quen ten máis información e coñecementos; e valorar se merece a pena asumir o risco ou non. Son partidario de xogar, quero xogar, quero volver á dinámica, á normalidade. Pero respecto á xente que non queira xogar porque hai riscos. Está a morrer xente. Isto non é un xogo. É un tema moi complicado. Espero que se atope unha vacina pronto e toda a sociedade volverá á normalidade".

Admite que foi "unha situación complicada" que Fernando Vázquez apostase por Mollejo no carrileiro zurdo porque "non xogar sempre amólache. Foi unha semana rara porque viña tamén eu dunhas molestias nun adductor, que se pensaba que estaba roto, logo recupereime a final de semana. O míster probara con Mollejo. Saíu ben. Respectar a decisión e apoiar o equipo desde fóra".

O día a día de Luis Ruiz consiste en "estar bastante ocupado. Estou a estudar, sacándome a carreira de Ciencias da Actividade Física e o Deporte. Estou a terminar de facer traballos da Universidade. O preparador físico Manuel Pombo fainos dúas sesións, unha pola mañá e outra pola tarde. Entre iso e sacar ao can, estou bastante entretido".

Explica que o preparador físico branquiazul "mándanos un planning do que temos que facer. O día anterior dinos o que temos que facer o día seguinte. É unha dobre sesión. Pola mañá adoita ser un circuíto cardiovascular, core; e pola tarde de cardio. Facilitáronnos unhas bicis desde o Club. E podemos suplir o tema de non saír ao campo, de non correr fóra, coas bicis estáticas".

Cre que "é un pouco pronto para dicir se o fútbol vai volver xa. Temos que esperar unhas semanas para ver como evoluciona o tema. Agora a prioridade é que a sociedade volva á normalidade. O último que se tiña que pensar é no fútbol. A xente está a morrer, hai moitos contaxiados aínda. Non hai que ter présa. Eu quero que se volva pero canto menos risco haxa e cando haxa todas as garantías posibles".

Porque no caso de que un futbolista se contaxiase na volta á actividade, "habería que anular a competición e que a Liga quede suspendida e non haxa nin ascensos nin descensos. Que sexa nula. Tentámolo e se non puido ser, o primeiro é a saúde. É inxustiza para a xente que non se acabe a temporada pero o primeiro é a saúde. Hai que poñer na balanza todo e hai que priorizar a saúde a calquera resultado positivo".