Luis Ruiz foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo.
O lateral deportivista vaticina neste tramo final "un Deportivo comprometido, aguerrido, que vai loitar até o final e con mentalidade gañadora en todos os partidos".
Nesta liña, ve ao equipo "con moitas ganas, con moita ilusión. Está preparado. Tivemos unha pretemporada bastante esixente. Foron semanas duras. Pero tiñamos ganas desa sensación de poder adestrar. Agora valórase máis todo. O corpo técnico fixo un bo traballo. Estamos todos na mesma dirección para afrontar estes 11 partidos da mellor maneira posible".
Opina que "os partidos se gañan desde a base e neste caso é a solidez defensiva. A partir de aí creceremos e haberá varias versións. Como temos moitos xogadores de varias versións que che poden atacar, defender... Podemos cambiar o sistema. Iso é cousa do míster. Os xogadores estamos centrados en achegar o mellor para o equipo, centrados niso".
Do mesmo xeito que Mujaid onte, Luis Ruiz tamén pon un "10" ao nivel de preparación do equipo: "Estamos moi preparados. Loxicamente tense que ver no partido. Polas sensacións que vexo, o equipo está moi preparado e con moita fame e moita ilusión".
Cre que o Dépor "é un dos equipos máis afectados" por xogar sen público os partidos en ABANCA-RIAZOR, "pero ante todo está a saúde e agora mesmo o que prima é iso. Tense que respectar esa medida".
Iso si, advirte que, con respecto á presenza de afeccionados noutros estadios, "ten que ser ecuánime para todos porque non sería xusto que uns equipos tivesen afección e outros non. O Goberno ou Sanidade ten que chegar a un acordo e que sexa ecuánime para todos".
Lembra que "isto é unha situación nova para todos. Non se viviu nunca. Este parón de tanto tempo non se viviu nunca. É unha incógnita todo. Preparámonos da mellor maneira posible e será diferente para todos. Vai ser un novo fútbol, pero a medida que pasen os partidos normalizarase todo".
Respecto ao calendario inicial do Dépor, con 4 partidos en apenas 10 días, o defensor branquiazul manifestou que "é un tema de LaLiga, exclusivamente de LaLiga. Hai que respectar os horarios que pon. É verdade que o Oviedo agora mesmo ten máis descanso. Imaxino que iso o irán rotando e para a seguinte quenda igual temos nós máis descanso. Hai que pensar só no que depende de nós".
Finalmente, a nivel persoal Luis Ruiz confesa ter "moita ilusión. Estou a adestrar moi ben, teño boas sensacións. Estou a disposición do míster para en calquera partido poder xogar e achegar ao equipo para conseguir o obxectivo".