RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Mañá de traballo en grupos para un Dépor consciente de que "estamos no camiño e que non fixemos nada"

O Dépor regresou esta mañá a Abegondo na típica sesión post-partido e previa á xornada de descanso de mañá martes. 

"Na vida hai que gozar das pequenas alegrías. Cando gañamos celebrámolo un día. Ao día seguinte arrincamos preparando o seguinte. E cando perdemos lamentámolo un día e ao día seguinte arrincamos preparando o seguinte. É a única maneira de vivir. E nós que vivimos cada 7 días unha final, cando ganas estás máis contento que cando perdes, pero coa serenidade de saber que estamos no camiño e que non fixemos nada", afirmaba onte Imanol Idiakez en rolda de prensa após a vitoria en ABANCA-RIAZOR ante o CD Lugo.

Antes de arrincar a sesión, e como é habitual cada mañá, o cadro e técnicos reuníronse uns minutos no céspede do campo 2 ao redor do seu adestrador.

Onte o técnico confesou que non puido falar moito cos seus futbolistas ao concluír o encontro: "Démonos un abrazo todos e logo poñen a música esa que poñen e xa se fodeu. Non se pode falar, pódese bailar".

Tamén subliñou ante os medios de comunicación que Os Nosos xa empezan desde hoxe luns a preparar o partido deste domingo 10 de marzo ás 12:00 (FEF TV) no Nou Estadi Costa Daurada ante o Nástic de Tarragona conscientes que "non fixemos nada. Estamos no camiño e o camiño é andar, preparar o seguinte paso".

Hoxe xa quedaron no ximnasio e cos fisioterapeutas Villares e Mella; ademais de Pablo Martínez, con traballo personalizado. Sobre David Mella, Imanol sinalou o de onte como "outro partido extraordinario. Estivo durante toda a semana co golpe, non sabiamos se ía chegar. Fixádevos que partido fixo con 19 anos. É un mozo xuvenil e está a render a un nivel moi alto. É unha gran alegría".

O corpo técnico dividiu hoxe ao resto do cadro en dous grupos despois de realizar todos xuntos unha activación con rondos.

Os titulares pasaron a tarefas de recuperación mentres que para os demais houbo unha tarefa de finalizacións e fútbol en espazo reducido, de alta intensidade.

Precisamente o preparador branquiazul tivo palabras onte á noite para os seus colaboradores: "Foi unha grandísima noticia atoparme co corpo técnico que era xa do Dépor, tanto con Álex Antón, como con Asier (Marote), con Alberto Casal, con (Sergio) Roca, con Canosa... Temos un corpo técnico moi preparado, con moitísimo nivel e nese aspecto estamos moi tranquilos".

Os Nosos regresan aos adestramentos o mércores 6 de marzo ás 8:45 en Abegondo para almorzar e saltar ao campo a partir das 11:00 horas.

GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK