Imanol Idiakez mostrouse na sala de prensa de Abegondo este mediodía "satisfeito" após pecharse o mercado de verán o pasado 30 de agosto: "Creo que temos un bo cadro. Temos recursos suficientes para facer moitas cousas e a partir de aí partido a partido. Esta é a nosa historia".
Lembra que ao final "chegou xente que nos vai a dar posibilidades, ferramentas diferentes. Agora a facer disto un equipo e a seguir camiñando".
O adestrador branquiazul apunta que "temos unha serie de xogadores de nivel alto. Temos un cadro con variantes. Sumamos xente de nivel e que o lóxico é que durante a competición pasen moitas cousas: diferentes formulacións, estratexias, plans de partido..."
Cre que o Granada CF, rival mañá sábado 7 de setembro ás 16:15 no Nuevo Los Cármenes (16:15, LaLiga Hypermotion) "parécese un pouquiño a nós en canto á idea. Aínda que ás veces non serven para moito as estatísticas din que somos dúas dos equipos que máis presenza teñen en campo rival, en último terzo, que máis presenza teñen na área, que máis chegadas".
Advirte que o conxunto andaluz "é un equipo claramente ofensivo, coa idea de atacar e levar o dominio, tentar dominar ao rival e a partir de aí xerar ocasións. É verdade que nos dous partidos de casa tivo un resultado adverso pero tivo moitísimas situacións. Teñen a obrigación de xogar en casa o seu terceiro partido coa intención de sumar de 3. Van tentar ir a por o partido. Nós tamén porque é a nosa idea e eu creo que se vai a ver un bo partido de fútbol".
O técnico deportivista subliña ademais que o Granada CF "é un equipo moi experimentado. Se analizas o cadro ou o posible once mañá desde o porteiro Luca Zidane, Omar, Insua, Rubio, Ricard, Neva, Trigueros; así até o final, Boyé, Weismann... É un equipo cunha experiencia moi grande, xente con moitas táboas, moitos partidos en Primera División".
No entanto, espera "un partido moi aberto, dous equipos que queren xogar, propor cousas. Imos ver se somos capaces de sacar a nosa calidade e plantarlles cara. O equipo está ben e imos ir a facer o noso partido, respectándolles porque este tipo de xogadores penalízanche con menos que outros pero confiando no que temos nós".
Finalmente Imanol Idiakez, preguntado, entre outros, por Charlie Patiño, indicou que "é un bo futbolista e seguro que o imos a poder ver no campo".