RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez, na súa despedida, asegura que as xogadoras do Deportivo ABANCA son "moi novas, con fame, van namorar aquí en Abegondo"

Manu Sánchez despediuse esta mañá en rolda de prensa en Abegondo.

O ex técnico do Deportivo ABANCA comezou a súa comparecencia pública cunhas palabras nas que se mostrou "orgulloso de que o equipo chegase até a última xornada de liga con vida e pelexando. É algo que recoñece todo o mundo. Síntome moi orgulloso do vestiario que tiven este ano. Sei que houbo momentos dífíciles, hai momentos que elas mesmas dubidaron de min. Tivemos os problemas típicos en todas estas situacións do fútbol. Pelexaron como auténticas bestas, deixáronse a alma, as bágoas e o sangue. Ao final somos o último equipo en descender neste primeiro ano con catro descensos, con orzamentos moi superiores ao noso que se van connosco a Reto Iberdrola".

Asegura tamén estar "orgulloso do equipo que fixemos, na liña do que nós cremos que ten que ser e do que fixemos até agora para o Deportivo ABANCA: xogadoras moi novas, con fame, que van namorar aquí en Abegondo e que veñen moi ilusionadas con estar aquí, con gozar destas instalacións, gozar da grandísima afección que é exemplo en España no fútbol feminino".

O adestrador coruñés agradeceu a dedicación e o apoio de todo o persoal do Club: persoal de comunicación, utileros, mercadotecnia, xardineiros, mantemento, contabilidade, a América (José Antonio Bergondo), técnicos, "hai un grupo aquí magnífico de compañeiros que estiveron apoiando sempre", concluíu. "Voume moi orgulloso dos grandísimos amigos que fixen aquí", engadiu.

Tamén lembrou Manu Sánchez "a todos os compañeiros do meu corpo técnico, incluído o A, o B e compañeiros que agora temos co novo convenio de fidelidade co Orzán".

Mencionou, visiblemente emocionado, á familia Perdiguero, "que se envorcou axudando na confección do cadro"; ao Concello de Arteixo no seu Servizo Municipal de Deportes; ao Atlético Arteixo; a Termaria Casa del Agua; á Federación Española; a Federación Galega; e a expresidentes como Tino Fernández e Paco Zas; ao equipo de LaLiga Genuine; aos medios de comunicación; e "ás miñas rapazas. Lévome un recordo indeleble. Lévome amizades por encima do fútbol. Manu Sánchez é o que é hoxe como adestrador grazas a elas. O meu máis sincero e humilde agradecemento".

Destacou a #ANOSAFORZA: "Teño momentos gravados na retina que non vou esquecer na miña vida. Recordo até un partido que xogamos no Estadio 1º de Maio, a porta pechada, e apareceu alí, arriba de todo, unha bandeira do Deportivo cunha familia detrás. Así foi así xogásemos onde xogásemos durante os cinco anos. Sempre había unha camiseta do Deportivo".

Finalmente tivo palabras de agarimo para Pablo Pereiro, "compañeiro, amigo e mesmo pai en moitos momentos".

Manu Sánchez desexa "á xente que colla o equipo o mellor, que o collan con agarimo porque isto é o Dépor. Non é nin mellor nin peor que outro Club pero é diferente. Que o collan con agarimo e que tenten facelo da mellor maneira posible. Oxalá teñan a oportunidade de vivir o que eu vivín aquí como adestrador. Ánimo a todas as xogadoras que incorporamos esta temporada. Creo cegamente nelas".

Insiste en que "non hai nada oculto porque non o hai porque o mellor é darlle estabilidade ao equipo canto antes. Fixemos un gran traballo Pablo e eu. Téñoo que dicir. É recoñecido polo mundo do fútbol feminino. É un grandísimo cadro. Só hai que esperar a que a xente que o dirixa teña a sorte e a fortuna para que isto salga ben".

Márchase "agradecido ao Deportivo como institución que me deu a oportunidade de encabezar este proxecto, de formar parte da historia do Club. Só estou agradecido polo que vivín aquí".