María Ruiz, nova xogadora do Dépor ABANCA 2021-2022
María Ruiz Gámez (Almáchar, Málaga, 11 de xaneiro de 2001) incorpórase ao cadro do Deportivo ABANCA de cara á temporada 2021-2022.
A dianteira andaluza procede do Málaga CF, en cuxo primeiro equipo debutou con só 16 anos. Ademais, no curso 2018-2019, María Ruiz puido debutar en Primera Iberdrola con só 17 anos. Aínda por riba, aquela temporada participou en 25 encontros, 16 deles como titular, e marcou 3 tantos. Ela mesma fora a autora do gol que certificou o ascenso do conxunto malaguista o curso anterior.
Formada no club da súa localidade natal, o Recreativo Almáchar, e despois nas categorías inferiores do Málaga CF, en outubro de 2019 foi convocada pola selección española sub-19 para disputar a fase de clasificación para o Campionato de Europa da categoría, competición na que marcou dous goles ante Acerbaixán e un contra Grecia e cuxa Rolda Elite e Fase Final foron suspendidas pola pandemia de COVID-19.