RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Max Svensson, novo xogador do Dépor 22-23

Max Svensson Río (Barcelona, 8 de novembro de 2001) converteuse en novo xogador do RC Deportivo, cedido polo RCD Espanyol até o próximo 30 de xuño.

Fillo do lendario porteiro de balonmán sueco Tomas Runar Svensson, que xogou 18 temporadas na Liga ASOBAL, Max naceu en Barcelona durante a época na que o seu pai defendeu o marco do conxunto azulgrana. A pesar de ter que trasladarse a Alemaña antes do seu primeiro aniversario, con 3 anos regresou a España e con 10 á Cidade Condal, onde se formou nas categorías inferiores do propio FC Barcelona, CF Gavà, UE Cornellá e, finalmente, RCD Espanyol.

Max Svensson aterrou no conxunto 'perico' no verán de 2018 para acabar o seu ciclo formativo con dúas campañas no xuvenil espanyolista, nas que anotou 19 goles. Na temporada 2020-2021 deu o salto ao filial, co que xogou as dúas últimas temporadas. A primeira, na extinta Segunda B (26 partidos, 16 de titular, e 3 goles). A segunda, en Segunda RFEF (32 encontros, 28 de titular, e 9 tantos), na que ademais participou nun choque de playoff de ascenso a Primera RFEF.

Entre medias, Max Svensson debutou co primeiro equipo espanyolista o 16 de decembro de 2020, en eliminatoria de Copa do Rei ante a UE Llagostera-Costa Brava. Pouco máis dun mes despois, estreouse en liga, en Segunda División, fronte ao Rayo Vallecano no RCDE Stadium. Na pasada campaña tamén xogou 2 encontros máis de Copa do Rei co primeiro equipo, co que totaliza 125 minutos e 1 gol en 6 aparicións.