Miku asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo, en referencia ao playoff de ascenso, que "cando se aveciña un momento importante, se chegas da mellor maneira preparado valo a afrontar con moita máis seguridade que se non te preparas previamente. E nese traballo está o físico e o mental. Temos este sábado (18:30 en ABANCA-RIAZOR) un partido onde o rival (Unionistas de Salamanca CF) aínda mantén as súas opcións de poder meterse no playoff. Nós, como sempre fixemos, representamos a un escudo, a un colectivo, a unha afección e unha cidade e merecen que nós teñamos un desempeño óptimo en canto a actitude, en canto a non regalar nada".
Nesta liña, insiste en que "o Deportivo é un club que, aínda que a día de hoxe teñamos o obxectivo do playoff asegurado, temos que saír a gañar todos os partidos e a mellor maneira de preparar e de chegar ao playoff é sendo conscientes de que este partido serve de preparación para manter a boa dinámica. Hai que alargala outra semana máis para cando chegue o playoff chegar nesa sintonía. Entón relaxarse non é bo. Xa haberá tempo de relaxarnos no verán, agora toca mentalmente estar moi enfocado e saber que o partido do sábado temos que facer as cousas moi ben pensando en que se queremos chegar ao playoff da mellor maneira non hai mellor preparación que chegar cunha vitoria e con boa sintonía".
Así, o internacional deportivista ve ao Dépor “enfocado neste partido. O adestrador foi moi claro nesa mensaxe a nivel interno. Obviamente hai un playoff, hai un partido importante, pero é dentro de dúas semanas. O fútbol non ve ao futuro nin ao pasado. Fíxase no presente e o presente é o próximo partido. A mellor maneira de chegar é estar ben preparado. A nivel mental non podes deixar de pensar que dentro de dúas semanas hai un partido súper importante para o devir do que é a entidade. E somos conscientes do que nos imos a xogar diante de #ANOSAFORZA, coa nosa xente. Pero cando chegue ese momento xa nos enfocaremos máis".
Autor de tres goles nos últimos dous partidos despois de varias semanas sen marcar, lembra que "cando os dianteiros non facemos gol sempre existe esa preocupación a nivel externo e da contorna sobre cando volverás marcar. A nivel interno sei como funciona isto, sei que é cuestión de xeiras e hai que tratar de reverter a situación o máis rápido posible. Naqueles partidos o equipo atravesou unha fochanca de resultados e as ocasións escaseaban. Xúntase un pouco todo, pero en xeral leveino con tranquilidade porque eu sei que estas cousas son así. Estou contento por volver facer gol e por volver axudar ao equipo".
A nivel colectivo, Miku opina que "o Deportivo que estamos a ver nas últimas semanas aseméllase moito ao da primeira volta, co sistema que utilizabamos e sobre todo transmitindo esa regularidade e esa solvencia. Desde ese punto de vista continuar con esas sensacións de cara a todo o que vén é positivo e a vez sentirnos ben cada domingo, independentemente dos que xoguen, o equipo no seu funcionamento case sempre é o mesmo. Estamos moi contentos por iso".
Con catro cartóns amarelos, a un pois da suspensión por un partido, non sabe se lle tocará descansar esta fin de semana pensando no primeiro partido do playoff do sábado 4 de xuño: "Dependerá do adestrador, de como o queira manexar. O outro día xoguei tamén con catro e traballei igual que sempre, fixen a presión, pegueime cos centrais e non me sacaron cartón. Ao final son circunstancias do fútbol, ás veces o árbitro algunhas accións veas máis punibles que outras e sácache cartón e outros por esas mesmas accións non. É uns xogos e non se sabe o que vai pasar. O adestrador tomará as decisións que el considere oportunas e hai que aceptalas como se fixo todo o ano en todos os sentidos".
Sobre o feito de que ABANCA-RIAZOR sexa unha das sedes dese playoff de ascenso, indica que "o meu último ascenso xogueimo en casa, no Helmántico, diante da nosa xente nese momento e saíu ben. Agora ao parecer vai ser unha situación parecida onde imos xogar no noso estadio. Creo que as entradas van estar repartidas de forma equitativa, co que, sexa cal for o rival, nós levaremos a toda #ANOSAFORZA e eles traerán á súa xente. Pero un playoff é un partido onde calquera cousa pode pasar e será definido por pequenos detalles. O feito de xogar en ABANCA-RIAZOR bríndache ese extra de confort de que coñeces o campo á perfección, as dimensións... O céspede vaiche a dar sensación de coma se estiveses a xogar un partido de Liga habitual pero o contexto vai ser totalmente diferente porque vai ser un partido a vida ou morte".
Un dos poucos sobreviventes respecto do cadro da pasada temporada, o ariete branquiazul afirma que "o fútbol na miña traxectoria ensinoume que sempre ofrece desquite. O ano pasado foi un ano moi complicado onde eu creo que todos os deportivistas sufrimos non alcanzar o obxectivo que se nos esixía e que por cadro e orzamento deberiamos conseguir. Pero o fútbol é así de caprichoso, en xeral non segue unha norma escrita e este playoff cando chegue, para os que estamos aquí do ano pasado, servirá para resarcirnos do que ocorreu o ano pasado. Pero non debemos centrarnos nin quedarnos con iso, senón ver o presente. E facer un bo presente vai permitir ter un bo futuro para a entidade e iso é todo o que queremos axudar".
Do seu futuro, Miku remítese a que "o presente é presente e hai que gozar a viaxe, hai que gozar cada momento. Logo pasan e non volven atrás e se non gozas o proceso, non vives o día a día con intensidade, con alegría, iso dilúese no tempo e non vas gozar, vas pasar por aquí sen pena nin gloria e sen poder vivir ao máximo toda a experiencia que isto ten. Nese sentido eu vouno vivindo día a día, con moitísima ilusión. A nivel deportivo aínda me queda tempo, ganas. Sen ir máis lonxe, Joaquín gañou a Copa con 41, Jorge Molina o outro día tirou un penalti decisivo en primeira con 40. Ibra gañou a liga co Milan con 41. O fútbol cambiou moitísimo, a preparación física e todo ha ir en prol de que a vida do xogador sexa máis lonxeva. Estou bastante tranquilo, síntome ben, síntome contento, compito con xogadores aos que lles saco 10, 15 ou a algúns 18 anos, pero iso motívame para vir o día a día e afrontalo da mellor maneira. O futuro ninguén sabe o que nos vai a deparar".
Finalmente, en pleno duelo con Quiles polo pichichi, sostén que "nos complementamos ben. Cando eu marco el conténtase e cando marca, alégrome por el. Isto non é un tema de egos nin de personificar nada de ninguén, senón isto é o equipo, é un deporte colectivo. Hai momentos na temporada, estados de forma, estados anímicos, situacións persoais extradeportivas que nos afectan. Un é humano e ás veces trasládaas ao seu traballo porque é intrínseco, está en nós. Pero temos esa sorte de que nun deporte colectivo todos teñen que axudar, todos teñen que achegar e no cadro que temos hoxe en día calquera xogador é importante porque ten as súas capacidades e pode axudar ao equipo en prol do obxectivo final. Estamos aí facendo goles os dous. Oxalá sirvan para sumar 3 puntos e cando chegue un momento decisivo para conseguir o obxectivo. E se non somos nós e márcao Mackay tamén nos alegraremos porque ao final queremos que o equipo consiga o obxectivo que se trazou a principio de temporada e polo que todos estivemos loitando e bregando todo o ano".