Juan Ignacio 'Nacho' González Brazeiro (Paysandú, Uruguai, 5 de novembro de 1993) foi presentado esta mañá como novo xogador do Deportivo
Acompañado por Richard Barral, Director de Fútbol, posou en primeiro lugar coa súa nova camiseta para os medios gráficos na Cidade Deportiva.
A continuación, subliñou o atacante uruguaio atoparse na Coruña "unha cidade moi linda, moi acolledora, con moitas persoas que me recibiron da mellor maneira. E un grupo moi unido".
Aínda que non ten relación cos compatriotas seus que militaron no Dépor (Pandiani, Munúa, Abreu...) asegura coñecelos e "sei que Gustavo Munúa deu boas referencias de min e iso significa moito porque foi un grandísimo porteiro. É unha honra para min que me eloxiou", engade.
Explica que o motivo de dar o salto ao fútbol europeo foi "polo grande que é o Dépor. É un equipo que do outro lado do charco coñécese moitísimo polo grande que foi. Oxalá teñamos a posibilidade de devolvelo onde merece".
Recoñece Nacho que "me estou adaptando ao sistema táctico, ao 4-4-2 que creo que é o que se vai a utilizar. Custoume agarrarlle o ritmo á pelota que corre máis rápido que no fútbol uruguaio, pero creo que me estou axustando bastante rápido".
Apunta que Fernando Vázquez en todas estas sesións de adestramento "utilizoume en todas as posicións na liña de 4 volantes. Púxome de mediocentro e tamén por fóra. Síntome cómodo en calquera posición". De feito, lembra o novo centrocampista branquiazul que ao longo da súa carreira "fun máis influente por dentro, pero non teño problema en xogar por banda".
Recalca á afección deportivista que "a miña mellor calidade é que o deixo todo no campo. Non me gardo nada", insiste.
Finalmente Nacho esboza as intencións do novo Dépor de Fernando Vázquez, cuxas pinceladas se poden empezar a ver mañá sábado (11:30) na Magdalena ante o Racing Villalbés: "Tratar de asfixiar aos rivais, presionarlles arriba e estar moi sólidos en defensa".