Matías Nahuel Leiva Esquivel (Rosario, Arxentina, 22 de novembro de 1996) convértese no primeiro reforzo do Real Club Deportivo no mercado invernal da Temporada 2018-2019.
Nahuel, que adoita xogar como extremo, chega ao Deportivo cedido até final de temporada polo Olympiacos grego. O Club branquiazul se reserva senllas opcións de ampliación de cesión e de compra voluntaria.
Nahuel, que aterrou en España con 14 anos para acabar de formarse na canteira do Villarreal CF, foi internacional Sub-19 e Sub-21 coa selección española. Coa primeira delas proclamouse campión de Europa en 2015, formando dianteira con Borja Mayoral e Marco Asensio e anotando o gol que sentenciou a final ante Rusia. Naquel combinado nacional tamén militaba o deportivista Carlos Fernández.
Por entón, Nahuel xa debutara co primeiro equipo do Villarreal CF, con 17 anos recentemente cumpridos. Posteriormente foi cedido ao Betis (onde coincidiu con Dani Giménez) e ao Barcelona B (onde xa compartiu vestiario con Adrián Ortolá), co que disputou os únicos partidos da súa carreira en LaLiga 1|2|3. No filial azulgrana marcou 5 goles nos 18 partidos que disputou na segunda volta da campaña 2017-18.