Natxo González asegurou esta mañá na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que "o máis importante é resistir, como lles digo eu (aos meus xogadores). Resistide tíos, resistide. Aguantade, aguantade, aguantade. Non nos desvíemos do camiño".
O técnico deportivista cre que "aquí o que máis aguante, o que máis resista vaise a levar o gato á auga, como se adoita dicir. O tema é ese, resistir todos un pouquiño".
"O que eu sinto é o que lle teño que transmitir aos meus xogadores. O que sinto é iso. Temos potencial suficiente, como resistimos en cada momento. Levamos 3 partidos sen gañar en ABANCA-RIAZOR. Hai que resistir, que vai chegar. O que non vai chegar se perdemos o norte. Rapaces, aguantade, aguantade, aguantade que imos volver a gañar. Pero para iso hai que xestionar moi ben as emocións", volve recalcar.
A nivel futbolístico, apunta que "co que estamos a facer non nos está chegando para gañar. Algo estamos a facer mal. É verdade que a nivel estatístico, os dous últimos partidos en ABANCA-RIAZOR tes bastante mellores números que o rival. Dalgunha forma os números importantes son cantas veces finalizaches ti, as ocasións que tiveches ti, os tiros que tiveches ti e tivo o rival. Iso reflicte un pouco como estiveches ofensiva e defensivamente. Logo está o que sucede entre área e área. Nas áreas tendo máis ocasións, o contrario está a ter menos. Pero aínda así non estamos a sacar resultados".
Na súa opinión, "de área a área está a faltarnos regularidade, pouso e quizais nos está faltando un pouco esa tranquilidade que fai falta para madurar os partidos, para desgastar aos rivais. Un pouco volver ao anterior".
Avisa que isto vai ligado "ao tipo de partido que sexa. Non é o mesmo un partido no que te atopas a un rival máis replegado a outro no que o rival aperte máis arriba. Ou como o outro día, moito de ida e volta, e aí sufrimos máis".
Á afección, Natxo González en primeiro lugar quixo darlle as grazas polo seu ánimo constante ante a AD Alcorcón o pasado luns: "O outro día esquecéuseme, funme a casa e doeume bastante non agradecer o apoio da afección. Darlles as grazas polo outro día e de antemán. Non imos estar todas as semanas o mesmo. Pídolles o mesmo que aos xogadores: aguantade, aguantade un pouquiño. Sei que non é fácil, pero tamén sei que como aguantemos, poderémolo gozar".
Da UD Las Palmas, rival mañá domingo 10 de marzo en ABANCA-RIAZOR (20:00 horas, LaLiga 1|2|3 TV), advertiu que coa chegada de Pepe Mel esta semana ao banco canario, "sempre que hai un cambio de adestrador hai unha reacción como equipo a nivel individual e colectivo. En calquera caso imos ter moita oposición enfronte. É un equipo importante, con moi bos futbolistas e un equipo con pouca marxe, cada vez menos, para o erro".