Natxo González extrae do partido unha "valoración xeral boa"
Natxo González manifestou na sala de prensa do Estadio Carlos Tartiere que "a valoración xeral do partido é boa. Desde a miña posición creo que recuperamos moitas cousas que perderamos polo camiño. E ese era o noso obxectivo. Se a acompañamos dunha vitoria mellor que mellor. Pero isto último non puido ser".
O técnico deportivista lembrou que ao encaixar o gol pronto "é difícil ir ao contraxeito ante un equipo como o Oviedo. Fixémolo ben, conseguimos empatar. E os últimos minutos estaba aí a cousa: eles centrando e nós tentando enganchar algunha situación cos 3 de arriba para finiquitar o partido. En liñas xerais, satisfeito".
Preguntado por Carlos Fernández, indicou que "nos deu moito porque é un xogador diferencial. Pero sería inxusto centralo todo sobre el. Fixemos un bo traballo en liñas xerais pero ao final os de arriba son os que teñen que marcar esta diferenza".
Non quixo acabar Natxo González a súa comparecencia sen acordarse dos 3.000 deportivistas presentes esta tarde en Oviedo: "Notamos o apoio da nosa xente. Foi unha tarde bonita. Darlles as grazas polo seu apoio, seguimos e que sigan crendo neste grupo".