RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Non dependemos de nós pero gañando imos ter opcións sempre até o final", razoa Rayco

Rayco foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR.

O mediapunta canario admite que "tanto esta semana como as que veñen van ser moi importantes para nós. Levamos dúas semanas xa para preparar este partido. Iso é unha vantaxe e esperemos que se vexan os resultados", en referencia ao partido ante o Pontevedra CF en ABANCA-RIAZOR este domingo 7 de marzo (19:00 horas, TVG).

Lembra non obstante que "de nada serve gañar este partido (ao Pontevedra CF) se os demais non os sacamos adiante. Ao final é importante este como os dous que veñen. Tentaremos dar nosa mellor versión, o noso mellor rendemento, para sacar os resultados".

Do equipo que dirixe o ex fabrilista Luisito, Rayco opina que "fixo un proxecto para ascender. Non tiveron tantos bos resultados. É un equipo moi ofensivo, con dous bos dianteiros. Vai ser un partido complicado contra un equipo que vai tentar sacar a súa mellor versión para tentar gañarnos. En ABANCA-RIAZOR temos que facernos fortes e sacar os tres puntos".

En canto ao obxectivo do Dépor na liga, recoñece que "o ascenso o temos complicado pero mentres que as matemáticas estean aí imos loitar por gañar o máximo posible. Non dependemos de nós pero gañando imos ter opcións sempre até o final". "Imos pelexar por todos os puntos posibles e xa logo miraremos os resultados dos demais. Primeiro temos que mirarnos nós, gañar ao Pontevedra CF; e logo seguir gañando", insiste.

A nivel individual, está "contento pero a condición de que axude ao equipo e os resultados déanse. De nada sérveme xogar e que non se dean resultados positivos para o equipo. Eu o único que quero é achegar en beneficio do equipo, do Club. Quédannos tres partidos importantísimos nos que tentarei achegar o máximo posible sexa de titular ou de suplente para que o equipo gañe".

Está de acordo co Presidente Antonio Couceiro en relación a #ANOSACANTEIRA: "Sempre é importante porque os que veñen de abaixo sempre van dar como un pasiño máis, sempre queren máis para chegar ao primeiro equipo. É verdade que como dixo o Presidente vai ser un proxecto a longo prazo pero agora vivimos o presente, o agora e o que importan son os resultados. #ANOSACANTEIRA considéroa súper importante. Veño de aí, sempre estiven en canteiras. Ao final tocoume este ano achegar ao primeiro equipo e creo que é un dos alicerces fundamentais dun Club".

Ve aos veteranos como Álex Bergantiños ou Eneko Bóveda con confianza para sacar adiante a temporada: "Traballo día a día con eles. Vexo como se esforzan en cada adestramento, en cada balón, en cada disputa. É verdade que a situación é complicada. Eles sempre tentan axudar, tentan animar, dar consellos para estar metidos todos na mesma dirección. Iso é o que eu valoro. Téntanme axudar constantemente, tanto a min como ao equipo. Xogadores con tanta experiencia que estiveron en Primeira, en Segunda moitos anos e agora que estean nesta categoría loitando como o están facendo para min é un orgullo traballar con eles".