RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Novo punto a domicilio para seguir invictos (1-1)

O Deportivo sumou un novo empate, esta vez na súa visita ao Unionistas de Salamanca CF, nun partido que se lle complicou nos primeiros segundos da segunda parte e do que non puido sacar maior tallada a pesar da expulsión do local Slavy, que permitiu aos coruñeses xogar cun máis durante case 20 minutos. A pesar de todo, os branquiazuis suman outro punto máis e mantéñense invictos após 4 xornadas.

O técnico deportivista, Imanol Idiakez, realizou dous cambios con respecto ao once inicial que presentou na pasada xornada, ante o CD Teruel en ABANCA-RIAZOR. Mella e Lucas deixaron o seu sitio no equipo titular a Cayarga e Barbero.

A primeira metade careceu de accións claras de perigo por un e outro bando. O primeiro tiro a porta foi obra do conxunto local no minuto 5. Rastrojo chegou polo extremo dereito e o seu disparo cruzado e frouxo atrapouno Germán.

O primeiro desparo coruñés chegou no minuto 21. Jose Ángel tirou unha falta directa a uns centímetros da liña da área que pegou na barreira e o balón caeu a Villares, que non puido precisar o remate e disparou desviado.

Após esa acción, tivo que retirarse do campo Barbero, lesionado. Mella substituíu ao ariete branquiazul e Imanol Idiakez refixo a fronte de ataque colocando a Davo como xogador máis adiantado.

A partir de entón, as únicas chegadas foron do equipo branquiazul, pero sen achegarse demasiado ao gol. Á media hora, Hugo Rama disparou moi alto. Dous minutos máis tarde, o mesmo xogador buscou con moita intención o pau máis afastado pero o coiro foise á dereita da portería salmantina. No minuto 36, un dereitazo de Mella, raso desde a frontal, detívoo Cacharrón con facilidade.

Nada máis arrancar a segunda metade, o Unionistas de Salamanca CF adiantouse no marcador. Un centro por baixo desde a esquerda de Ekaitz Jiménez buscouno Alfred e non o atopou, Germán despistouse e non puido atrapar a pelota, que quedou solta para que o ex fabrilista Mario Losada marcase o 1-0.

Imanol Idiakez moveu o banco en busca de frescura e atopouna. Só tres minutos despois de saltar ao céspede, no minuto 62, Pablo Valcarce anotou o tanto do empate. O berciano rematou co pé dereito lonxe do alcance de Cacharrón, chegando desde atrás ao punto de penalti, un perfecto servizo raso desde a dereita de Paris Adot. O goleador branquiazul dedicou o tanto ao seu fillo recentemente nado.

Rastrojo estivo a piques de adiantar aos salmantinos pouco despois, no minuto 66, cun dereitazo afastado que pasou preto do pau dereito da portería coruñesa.

No minuto 79, o dianteiro local Slavy viu o segundo cartón amarelo en vinte minutos que levaba no campo após substituír a Mario Losada, que tamén fora amoestado. Cun máis, os minutos finais foron totalmente do Dépor que, con todo, só viu preto o gol en dúas accións a balón parado.

A primeira, no minuto 85, nunha falta directa de Hugo Rama que buscaba a base do pau dereito. A gran intervención de Cacharrón levou a pelota a córner. No minuto 88, outra falta, esta vez lateral, que colgou Hugo Rama, peiteouna un defensa tentando despexar o coiro e este estrelouse no pau esquerdo do portal castelán.

A pesar dos 9 minutos de tempo engadido, os branquiazuis, aínda que encerraron ao seu rival, non crearon ningunha oportunidade clara de perigo.

Deste xeito, o Dépor, que encaixou o seu primeiro gol da temporada, sumou o seu terceiro empate en catro xornadas, co que suma 6 puntos (4 deles como visitante) e segue sen coñecer a derrota.

Unionistas de Salamanca CF: Cacharrón, Carlos Giménez, Ramiro, Erik, Ekaitz Jiménez, Nespral (Jordi Tur, min. 70), Villar (Manu Ramírez, min. 82), Alfred (Ewan, min. 70), Rastrojo, Mario Losada (Slavy, min. 59) e Álvaro Gómez (Adri Gómez, min. 82).

RC Deportivo: Germán, Ximo Navarro (Paris Adot, min. 59), Pablo Vázquez, Pablo Martínez, Balenziaga, Diego Villares, Jose Ángel, Cayarga (Pablo Valcarce, min. 59), Hugo Rama, Davo (Martín Ochoa, min. 74) e Barbero (Mella, min. 21) (Pablo Muñoz, min. 74).

Goles: 1-0 Mario Losada (min. 46); 1-1 Pablo Valcarce (min. 62).

Árbitro: Alberto Fuente Martín (c. cántabro). Expulsou a Slavy por dobre amarela (min. 79). Cartón amarelo a Mario Losada (min. 35), Pablo Martínez (min. 53), Slavy (min. 61), Pablo Valcarce (min. 65), Villar (min. 65), Balenziaga (min. 76), Jordi Tur (min. 84) e Jose Ángel (min. 90+6).

Incidencias: partido da 4ª xornada do grupo 1 de Primera Federación disputado no Estadio Municipal Reina Sofía ante 4.895 espectadores, con preto dun milleiro de deportivistas nas bancadas.

📸 GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK