O Deportivo ABANCA estréase en Abegondo en liga mañá domingo 17 de setembro ás 12:00 (Youtube RCDeportivo) ante o Atlético de Madrid B, en partido correspondente á 2ª xornada en Primera Federación Iberdrola, co que se pon fin a unha dura semana con longos desprazamentos a Barcelona e Palma.
As Nosas chegan ao choque co resaibo amargo da derrota na primeira eliminatoria da Copa de la Reina (1-0) o pasado mércores ante o Balears FC aínda que coa satisfacción do debut oficial dunha nova canteirá, Carmen Carballada. "Debutar co primeiro equipo para min é un orgullo moi grande, unha oportunidade que agradezo moitísimo e un premio a estes anos de traballo e de esforzo. Espero que sexan moitos máis. Eu vou estar traballando para iso todos os días. A ver se chegan máis oportunidades e senón vou estar axudando no equipo nos adestramentos no que se poida", comentou a nova futbolista monfortina.
Do partido en Copa, precisamente Carmen subliñou que "na primeira parte non estivemos cómodas. Elas saíron moi motivadas, con moitas ganas e sen nada que perder. Fixérono bastante ben. Nós con balón tampouco estivemos acertadas pero na segunda parte o equipo mellorou unha chea, sobre todo os últimos 20, 25 minutos. Sometémolas no seu campo. Tivemos ocasións moi claras para poder empatar e mesmo gañar o partido. Foi unha pena porque se nos escapa a oportunidade de seguir na Copa. Elas fixeron o seu partido no seu campo, con moita xente".
A pesar do tropezo copeiro, na competición ligueira o comezo do Dépor ABANCA foi esperanzador con vitoria (1-2) en Barcelona ante a CE Europa, co que supón de reforzo anímico marcar os dous goles nos últimos minutos.
Coa baixa por lesión de Sara Debén, Irene Ferreras citou a 18 futbolistas, entre as que se atopa a canteirá Elena Vázquez.
Pola súa banda, o Atlético de Madrid B arrincou a liga con triunfo ante o Deportivo Alavés (2-0). Outro filial, o FC Barcelona B, é o vixente campión da categoría; o que demostra o potencial destes equipos.
O Club mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes da Cidade Deportiva.
Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar aforamento e sen ningún custo adicional, todas as persoas socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.
Con eses mesmos datos doutros socios, unha única persoa pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.
Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.
O Club solicita que unicamente tramiten a entrada aquelas persoas ocias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición do aforamento nun proceso 100 % telemático.
Tamén está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.
Finalizado o encontro, As Nosas adestraranse de novo o luns luns 18 de setembro ás 10:00 en Abegondo nunha semana sen fútbol ligueiro.