O Depor ABANCA conquistou por segunda vez o Trofeo Teresa Herrera, que hoxe cumpriu a súa X edición, ao imporse na quenda de penaltis a un FC Famalicão que se foi ao descanso con dous goles de vantaxe pero que viu como as pupilas de Irene Ferreras igualaron a contenda na segunda metade.
O conxunto portugués estivo practicamente pleno de acerto no primeiro tempo. Máis en concreto, no primeiro cuarto de encontro. Aos 6 minutos, a central Inês Maia abriu o marcador nunha falta colgada á área, após quedar o balón solto e remachar a porta baleira. No 21, unha acción trenzada do ataque portugués que a finalizou Carol con calidade, practicamente sen oposición.
Entre medias, o Dépor ABANCA unicamente creou perigo no minuto 17, despois dunha gran manobra de Millene que á media volta lanzou en profundidade pola dereita a Eva Dios, cuxo dereitazo cruzado xa dentro da área cortouno cruzándose Raquel Infante.
O cuarto de hora final rexistrou un maior dominio branquiazul, traducido en varias boas oportunidades para recortar distancias. No minuto 34, unha boa xogada ao primeiro toque acabou cun balón ao oco de Eva Dios para Millene. A brasileira buscou a Charle, soa no segundo pau, pero atopouse por dúas veces coas pernas de Raquel Infante, a segunda delas desviando a saque de esquina. No minuto 39, un centro-chute de Charle desde a dereita saíu rozando o traveseiro. No tempo engadido, un contragolpe conducido por Millene concluíuno a nova dianteira deportivista cun dereitazo buscando o recanto contrario, que non atopou por pouco.
A segunda metade tivo no Dépor ABANCA o seu gran dominador. No minuto 50, Ainhoa Marín dispuxo dun dobre remate desde o bordo da área despois dunha veloz internada polo extremo esquerdo. O primeiro disparo foi rexeitado por unha defensa; o segundo, atrapado pola gardameta. No minuto 60 chegou o 1-2, nun centro perfecto de Millene desde a dereita que cabeceou Paula Gutiérrez ao fondo das mallas.
Dous minutos despois, unha gran acción de Charle, un contra un ante a lateral dereita lusa, concluíu cun potente zurdazo que se marchou moi preto do pau esquerdo da portería visitante. O empate chegou no minuto 73, cando Inés Altamira remachou un balón solto na área pequena após un córner lanzado por Paula Gutiérrez. Nos minutos finais tentárono con moitas ganas as branquiazuis, pero o trofeo tivo que acabar resolvéndose na quenda de penaltis.
Na morte súbita, Lucía erixiuse na gran protagonista, ao parar o primeiro lanzamento portugués, obra de Tipa. As deportivistas estiveron plena de acerto e Ainhoa Marín, elixida mellor xogadora do partido, anotou a pena máxima definitiva.
Deste xeito, o palmarés do Trofeo Teresa Herrera Feminino queda liderado por Victoria CF, Athletic Club e Deportivo ABANCA, con dous títulos cada un. Cun éxito figuran Rayo Vallecano, UD Granadilla Tenerife, Dépor ABANCA B e Valadares Gaia FC.
Deportivo ABANCA: Yohana (Lucía, min. 46), Cris Martínez, Inés Altamira, Raquel García, Paula Novo (Lorena Reina, min. 46), Henar, Paula Gutiérrez, Ainhoa Marín, Charle, Eva Dios (Letti, min. 57) e Millene (Carlota Suárez, min. 70).
FC Famalicão: Aline, Babi, Inês Maia, Raquel Infante (Laís Araújo, min. 75), Regina (Campino, min. 67), Letícia (Miller, min. 67), Tipa, Pati, Sisi, Marie Yasmine Alidou (Luana Theodoro, min. 75) e Carol (Duarte, min. 54).
Goles: 0-1 Inês Maia (min. 6); 0-2 Carol (min. 21); 1-2 Paula Gutiérrez (min. 60); 2-2 Inés Altamira (min. 73).
Quenda de penaltis: Inés Altamira (1-0); Tipa (para Lucía, 1-0); Paula Gutiérrez (2-0); Laís Araújo (2-1); Letti (3-1); Sisi (3-2); Carlota Suárez (4-2); Inês Maia (4-3); Ainhoa Marín (5-3).
Árbitro: Beatriz Cuesta Arribas (c. galego). Cartón amarelo a Aline (min. 72) e Campino (min. 78).
Incidencias: partido correspondente ao X Trofeo Teresa Herrera disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante ao redor dun milleiro de espectadores. Ainhoa Marín recibiu o Trofeo Estrella Galicia á mellor xogadora do partido.