RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA suma o seu primeiro punto após un partido "moi igualado" ante o Real Betis que "nos vai a permitir seguir construíndo"

Pasados dous dos 'cocos' da categoría, o FC Barcelona e o Atlético de Madrid, o Dépor ABANCA sumou o seu primeiro punto en Liga F ao empatar (0-0) co Real Betis Féminas en partido correspondente á 3ª xornada.

En rolda de prensa, Irene Ferreras cualificou o encontro de "moi igualado. Puidemos impornos en momentos sobre todo en posesión de balón e construción. Quizais faltounos as accións determinantes de últimos metros. Temos que ser conscientes de onde vimos e que hoxe o equipo tivese a personalidade que tivo para levar o peso en certos momentos é unha valoración moi positiva".

Cre a adestradora deportivista que o punto "nos vai a permitir seguir traballando, mirar ao seguinte rival e seguir construíndo sobre todo o que estamos a traballar".

Por primeira vez esta temporada, o Dépor ABANCA dispuxo de todo o seu cadro, co regreso das mundialistas Olaya e Marina Artero, salvo a lesionada Henar.

O conxunto andaluz chegaba á Coruña tamén sen puntuar, coas derrotas ante a SD Eibar e o Real Madrid CF.

Irene Ferreras situou a Millene como única dianteira por detrás dunha liña de 3 formada por Bárbara, Eva Dios e Hmírová.

O primeiro tiro a porta foi para Hmírová, que arrincou en banda dereita cara a dentro pero o seu golpeo na frontal foi demasiado frouxo. Corría o minuto 3.

Respondeu o Real Betis Féminas aos 8 minutos. Nunha xogada por banda esquerda, Zouhir deixa pasar e Naima, chegando desde atrás, dispara alto con todo a favor.

Cinco minutos máis tarde, nun erro na saída de balón, Naima xutou de lonxe lixeiramente desviado ao pau esquerdo de Inês.

Con dominio alterno volveuno a tentar Gema ao cuarto de hora tamén desde fóra da área. O seu remate foi alto.

Non obstante a ocasión máis clara neste tramo inicial foi para Millene, que aproveitou unha mala cesión á porteira bética para facerse co balón e, libre de marca na área, tentar unha vaselina que se foi alta por moi pouco.

O partido de ritmo alto ía de portería a portería. Aos 25 minutos, Naima aprovéitase dun erro defensivo para ceder a Carla no segundo pau pero o seu disparo repéleo a defensa deportivista case baixo paus. 

No outro área, no minuto 37, Hmírová recolle un mal despexe da zaga bética e coloca o balón no traveseiro cando a bancada de ABANCA-RIAZOR xa cantaba gol.

Este arreón deportivista, traducido en varios saques de esquina consecutivos, encerrou ao Real Betis na súa área.

A última xogada de perigo branquiazul na primeira metade foi un disparo de Bárbara desde a frontal ás mans de Vizoso; aínda que o partido acabou na área do Dépor ABANCA cun par de saques de esquina que dispuxo o Real Betis.

Após o paso polos vestiarios, Irene Ferreras deu entrada a Ainhoa Marín por Hmírová.

A atacante catalá disputou xa os seus primeiros minutos a pasada fin de semana no Centro Deportivo Alcalá de Henares ante o Atlético de Madrid, unha vez superada a súa lesión muscular.

O primeiro disparo foi para a bética Carla no minuto 47: raso e pegado ao poste dereito, atrapou ben Inês.

Aos 50 minutos, un centro chute de Lara desde banda esquerda paséase pola área verdibranca e márchase lixeiramente desviado.

O partido converteuse en correcalles aínda que sen precisión nos metros finais.

A mundialista Olaya relevou a Eva Dios para dar frescura á zona de creación.

Con tres remates consecutivos puido adiantarse o Dépor ABANCA pero entre o porteiro Vizoso e a defensa verdibranca evitaron o perigo.

A falta de 10 minutos, Carla, nunha contra do Real Betis, xuta ás mans de Inês.

Altuve, que substituíu a Millene, cabeceou con perigo no minuto 85 un bo centro de Samara. Evitou o gol a porteira Vizoso, ben colocada.

Empuxou o Dépor ABANCA no desconto, primeiro cunha contra mal resolta polas branquiazuis e logo cun remate de ADT na área que salva Vizoso cunha gran parada.

Ao final empate sen goles e primeiro punto en Liga F para o Dépor ABANCA.

O vindeiro sábado 28 de setembro ás 20:30 visitará ABANCA-RIAZOR o Athletic Club.

Deportivo ABANCA: Inês Pereira, Cris Martínez (Samara, min. 75), Vera, Raquel, F. Lara, Lucía, Paula G., Eva Dios (Olaya, min. 68), Hmírová (Ainhoa Marín, min. 47, Bárbara (ADT, min. 60) e Millene (Altuve, min. 75)

Real Betis: P. Vizoso, Santoro, M. Jiménez, Gema, Carla (Cameron, min. 84), Naima, Rosa M., Nuria, Carol (Maria Ruiz, min. 68), Esther e Zouhir (Julia, min. 68)

Árbitra: María Gloria Planes Terol, do comité murciano. Amoestou a M. Jiménez (min. 31), Gema (min. 48), Cris Martínez (min. 51), Raquel (min. 57), Inês Pereira (min. 72), Rosa M. (min. 76) e Ainhoa Marín (min. 89)

Incidencias: Partido correspondente á 3ª xornada de Liga F disputado en ABANCA-RIAZOR ante 1.493 espectadores