O Fabril ofreceu unha gran imaxe, competiu de ti a ti ante un dos poderosos da categoría pero dobrou o xeonllo co Pontevedra CF (2-1) no minuto 97, cando encaixou o segundo e definitivo tanto granate.
Con este resultado, o conxunto de Óscar Gilsanz queda con 6 puntos na 8ª posición da táboa no grupo 1º de Segunda Federación.
Os branquiazuis chegaban ao choque despois de completar un gran partido ante a SD Compostela o pasado sábado en ABANCA-RIAZOR.
Óscar Gilsanz introduciu algún cambio no once inicial, como a entrada do xuvenil Noé no centro do campo.
Pola súa banda, o Pontevedra CF, un equipo feito para o ascenso, buscaba reencontrarse co triunfo despois dun empate en Santiago e unha derrota en Soria nas súas dúas últimas citas.
Os primeiros minutos foron de tenteo entre os dous equipos, co Fabril intentanto presionar arriba á saída de balón pontevedresa.
Nas botas de Kevin estiveron as primeiras opcións fabrilistas, primeiro nun saque de esquina e a continuación nunha gran xogada dentro da área que puido acabar en gol.
Non obstante os granates, con extremos moi abertos, obrigaron ao Fabril a replegarse e buscar a contra.
A meta Alberto erixiuse nestes minutos en protagonista do choque cun par de boas intervencións salvadoras.
Con 0-0 chegouse ao descanso.
Após o paso polos vestiarios, Kevin, un dos destacados branquiazuis na primeira metade, adiantou ao Fabril no minuto 57. Quique Teijo mete un centro longo que o internacional remata á rede no segundo pau.
Con ese tanto, o filial gozou dos seus mellores momentos no partido, moi ordenado en defensa e concedendo pouco ao Pontevedra.
Pero se algo teñen os pontevedreses é pegada. Samu Mayo, que levaba apenas 3 minutos no campo, logra a igualada no minuto 67.
O encontro entra con igualada a un gol nunha trepidante recta final. O Pontevedra queda cun menos por expulsión de Yelko xa no 90.
O colexiado do partido, o asturiano Hugo Alonso Muiña, outorga 8 minutos de desconto, quizais demasiado a tenor do tempo perdido durante o segundo tempo.
E no último suspiro, cando parecía o punto xa na mochila do Fabril, outro dos futbolistas que saíu desde o banco, Álex Glez, deu o triunfo ao Pontevedra CF.
O vindeiro domingo 29 de setembro ás 17:00 nos Pajaritos toca visita a outro dos favoritos, o CD Numancia de Soria.
Pontevedra CF: Edu Sousa, Churre, Mario Gómez, Cambil (Samu Mayo, min. 64), Iago Novo (Álex Glez, min. 57), Rufo, Yelko, Chiqui, Dalisson (Xabi, min. 83), Garay e Marques (Charly, min. 64)
Fabril: Alberto S., Quique Teijo, Aarón, Marotías, Íker Vidal, Jaime Garrido, Alfaro, Guerrero (Pablo García, min. 80), Noé (Quique Fernández, min. 69), Kevin Sánchez (Nsongo Bil, min. 76) e Darío Germil (Mardones, min. 69 e Hugo Villaverde, min. 76)
Árbitro: Hugo Alonso Luiña, do comité asturiano. Amoestou a Kevin (min. 7), Rufino (min. 15), Yelko (min. 29 e 90), Garay (min. 38), Mario Gómez (min. 72), Alberto (min. 81), Quique Fernández (min. 86), Íker Vidal (min. 90) e Nsongo Bil (min. 90)
Goles: 0-1 Kevin (min. 57); 1-1 Samu Mayo (min. 67); 2-1 Álex Glez (min. 90+7)
Incidencias: partido correspondente á 4ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación disputado en Pasarón.