RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

Un Fabril "con moi boa actitude" e instalado na zona nobre de Segunda Federación enfróntase en Abegondo ao Coruxo FC

O Fabril mídese este domingo 17 de novembro ás 16:00 (YouTube RC Deportivo) ao Coruxo FC en partido correspondente á 12ª xornada en Segunda Federación.

Os fabrilistas, que levan 4 vitorias consecutivas, son terceiros na táboa con 19 puntos, só superados polos grandes Pontevedra CF (23 puntos) e CD Numancia de Soria (25).

En rolda de prensa, Manuel Pablo ve aos xogadores "con moi boa actitude e preparados para seguir con esa alegría que che dan as vitorias".

Causan baixa por lesión Mardones, Álex Pereira, Quique Teijo e Noé, aínda que o filial recupera a Jaime Garrido, tal e como confirmou onte o preparador fabrilista na súa comparecencia semanal ante os medios de comunicación.

A maiores, Kevin Sánchez, Alfaro, Samu, Pablo García e Guerrero viaxaron co primeiro equipo a Almería.

Os xuvenís Manu Ferreiro, Mario e Álvaro Fraga completan a convocatoria.

Pola súa banda, o Coruxo FC do ex canteirán deportivista David Añón, que a pasada fin de semana perdeu (0-1) co Pontevedra CF, é 13º con 11 puntos.

Lonxe de O Vao esta temporada os vigueses gañaron ao UD Llanera (1-2) e ao CD Laredo (0-2); e perderon co Real Avilés Industrial (2-0), Real Ávila CF (3-2) e SD Compostela (1-0).

O Club mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes da Cidade Deportiva.

Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar a bancada e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.

O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición das localidades nun proceso 100 % telemático.

Tamén está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.