Manuel Pablo estreouse no banco do Fabril cun triunfo (0-2) na súa visita ao Real Avilés Industrial, en partido correspondente 11ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación.
Con esta vitoria, cuarta consecutiva, o filial, con 19 puntos, ascende á 3ª posición da categoría.
En rolda de prensa, Manuel Pablo extrae unha "valoración moi boa pola actitude, a intensidade, porque fomos todos moi xuntiños sempre".
O filial non puido contar cos lesionados Álex Pereira; Mardones; Quique Teijo; e os xuvenís Pablo García, cunha escordadura acromioclavicular producido nada máis arrincar o encontro ante os salmantinos; e Noé, cunha lesión muscular nun bíceps femoral.
Os dous xuvenís que entraron na convocatoria foron titulares: Guerrero e Mario Hermo, o lateral dereito do Xuvenil A que debutou así co segundo equipo masculino.
Comezou apertando o Real Avilés Industrial. Ante o empuxe local, os fabrilistas agardaron replegados unha contra.
O primeiro remate a porta foi ao cuarto de hora a cargo de Babin a un saque de esquina ensaiado. Detivo Alberto.
Á media hora, de novo o capitán fabrilista tivo que intervir a un dobre remate de Kevin Bautista e Alarcón.
O primeiro tempo finalizou cunha clara ocasión de Bil e de Alfaro para pór por diante aos deportivistas.
Con empate sen goles chegouse ao descanso nuns 45 minutos moi igualados e con situacións de gol para os dous equipos, no caso do Real Avilés Industrial sobre todo coas accións a balón parado.
O adestrador fabrilista admite que nesta primeira parte "sufrimos. Sabiamos que teñen calidade e podíannos facer dano".
Após o paso polos vestiarios, o choque seguiu igualado aínda que o Fabril si maniatou mellor ao seu rival.
O Real Avilés Industrial perdeu de vista a portería de Alberto e tivo ademais o infortunio de sufrir lesións en 3 futbolistas, co que quedou sen xanelas para facer máis cambios.
Pola súa banda, o Fabril buscaba a meta de Álvaro Fernández grazas sobre todo a Bil, Alfaro e Luisao.
Kevin Sánchez, que relevou a Hugo Villaverde no minuto 65, adiantou ao filial no minuto 75 ao recoller un balón morto na área.
Cinco minutos máis tarde, o internacional sentenciou o choque cun segundo gol marca da casa, a base de velocidade, que xa foi unha laxa para os asturianos.
O Real Avilés Industrial apenas creou perigo e limitouse a meter balóns á área para buscar algunha segunda xogada.
Manuel Pablo, en rolda de prensa, definiu o partido do Fabril como "bastante completo por parte de todos".
O vindeiro domingo 17 de novembro ás 16:00, o Fabril recibe en Abegondo ao Coruxo FC (YouTube RC Deportivo).
Real Avilés Industrial: Álvaro Fernández, Soler (Mecerreyes, min. 63), Luis Martínez, Davo (Callís, min. 60), Nico Fernández (Santamaría, min. 55), Babin, Kevin Bautista, Alarcón, Osky, Sergio García e Jose Martínez
Fabril: Alberto, Mario Hermo, Damián Canedo, Marotías, Íker Vidal, Alfaro, Kike Fernández (Dylan, min. 86), Hugo Villaverde (Kevin Sánchez, min. 65), Guerrero (Carreira, min. 86), Luisao (Fabio, min. 76) e Nsongo Bil (Darío Germil, min. 76)
Árbitro: Ángel Manso Rojas, do comité castelán-leonés. Amoestou a Sergio García (min. 22), Kevin Bautista (min. 23), Osky (min. 42), Marotías (min. 49), José Martínez (min. 82) e Mecerreyes (min. 88)
Goles: 0-1 Kevin Sánchez (min. 75); 0-2 Kevin Sánchez (min. 80)
Incidencias: partido correspondente á 11ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación disputado no Estadio Román Suárez Puerta