O Fabril caeu esta tarde (0-1) co Coruxo FC en partido correspondente á 12ª xornada en Segunda Federación que deixou o debut dun xuvenil máis no filial, Álvaro Fraga.
Desta forma, o cadro vigués rompe unha serie de 4 vitorias consecutivas duns fabrilistas que, segundo Manuel Pablo en rolda de prensa, "non se sentiron cómodos en ningún momento".
O técnico canario pensa que "non tivemos claridade con balón, desordenámonos demasiadas veces e transitáronnos bastante".
Con este resultado, o filial queda con 19 puntos, situado na 6ª posición.
O Fabril contou con até 9 ausencias para o choque ante os vigueses. Causaron baixa por lesión Mardones, Álex Pereira, Quique Teijo e Noé. A maiores, Kevin Sánchez, Alfaro, Samu, Pablo García e Guerrero viaxaron co primeiro equipo a Almería.
O primeiro cambio no once chegou na portería. Hugo Ríos relevou a Alberto.
Pola súa banda, o Coruxo FC do ex deportivista David Añón presentábase en 13ª posición con 11 puntos e após 5 partidos sen coñecer a vitoria.
Sairon mandones os 'verdes', que dispuxeron da primeira ocasión nun saque de esquina que non atopou rematador entre a acumulación de futbolistas na área pequena fabrilista.
Aos 10 minutos, Diabate márchase por velocidade da defensa blanquizul e, xa escorado, tenta o centro raso e frouxo que acaba nas mans de Hugo Ríos.
Os vigueses foron os que crearon perigo neste tramo de partido con saques de esquina e faltas laterais que obrigou ao Fabril a empregarse en defensa.
O primeiro disparo do filial foi aos 17 minutos. Luisao plántase diante do porteiro Alberto na frontal da área pero o seu remate, raso e colocado ao poste esquerdo, atállao o meta visitante.
Respondeu Terranova no outro área nun centro chute desde a banda dereita do ataque do Coruxo FC que se marcha fóra por moi pouco sen atopar rematador no corazón da área.
Era mellor o Coruxo FC, que se puxo por diante no marcador grazas a un gol de Diabate aos 25 minutos. O atacante remata na área fabrilista despois de burlar ao seu par e colocar o balón lonxe do alcance de Hugo Ríos.
O gol deixou noqueado ao Fabril, incapaz de achegarse á meta de Alberto.
Queixouse o adestrador do filial nestes primeiros 45 minutos de "continuas perdas após recuperación, demasiado precipitados".
O segundo tempo arrincou coa mesma tónica aínda que si apunta Manuel Pablo que "melloramos algo pero non atopamos a claridade para poder facer máis situacións de chegada".
Manuel Pablo dá entrada a outro xuvenil, Álvaro Fraga, Dylan e Darío Germil por Jaime Garrido, Hugo Villaverde e Bil. "Tentamos ter esa enerxía pero faltounos un pouco máis de claridade, de ir por fóra, de ter paciencia e de chegar con máis situacións", apuntou.
Mario Hermo cabecea na área após un saque de banda longo e Alberto envía a saque de esquina.
Non obstante o Coruxo FC non pasaba demasiados apuros e seguiu achegándose á meta de Ríos. Naveira dispara frouxo e desviado libre de marca desde a frontal despois dunha rápida transición do equipo vigués.
Manuel Pablo buscaba máis faísca coa entrada de Manu Ferreiro e Carreira, que relevaron a Fabián e Kike Fernández a 20 minutos para o final.
O Coruxo FC, un equipo experimentado na categoría, soubo xogar perfectamente os minutos finais parando o xogo constantemente e retardando as súas accións para impedir un último arreón fabrilista.
No entanto, aos 80 minutos, Luisao cóase na área e o seu remate sácao Alberto nunha gran parada en quizais a ocasión máis clara do Fabril no que ía de partido.
Tentaba o filial o empate tamén en accións a balón parado, como varios saques de esquina case consecutivos.
Os últimos minutos afrontáronos os dous equipos con 10 futbolistas pola expulsión de Luisao e Álex Pérez por un encontrón entre ambos.
Manu Ferreiro tivo a última do Fabril ao pescar un balón perdido na área. O seu chute forte e raso o para con seguridade Alberto.
Así se acabou o encontro, cos 3 puntos que se marcharon para Vigo do mesmo xeito que sucedeu hai xusto un ano cos mesmos protagonistas.
A próxima semana, o Fabril visita nas Eiroas ao Bergantiños CF.
Fabril: Hugo Ríos, Mario Hermo, Marotías, Damián, Íker Vidal, Jaime Garrido (Álvaro, min. 55), Kike Fernández (Carreira, min. 70), Hugo Villaverde (Dylan Iglesias min. 55), Luisao, Fabián (Manu Ferreiro, min. 70) e Bil (Darío Germil, min. 55)
Coruxo FC: Alberto, Borja, Pereiro, Guido, Álex Pérez, Insua (Brais Penela, min. 71 e Álex Rei, min. 90+2), Diabate (Andriu, min. 84), Nacho Fariña (O Ouatani, min. 84), Naveira, Hugo Rodri e Terranova
Árbitro: Alberto Aranda Bujero, do comité cántabro. Amoestou a Kike Fernández (min. 27), Guido Fernández (min. 58), Pereiro (min. 74), Luisao (min. 85) e expulsou con vermella directa a Álex Pérez (min. 88) e Luisao (min. 88)
Gol: 0-1 Diabate (min. 25)
Incidencias: partido correspondente á 12ª xornada de liga en Segunda Federación disputado en Abegondo