Un Fabril que quere "darlle continuidade ao que estamos a facer" pecha o ano mañá domingo ás 12:00 en Torrelavega
O Fabril conclúe 2024 mañá domingo 22 de decembro ás 12:00 coa súa visita á RS Gimnástica de Torrelavega, en partido correspondente á 17ª xornada, última da primeira volta en Segunda Federación.
Será o terceiro partido para os fabrilistas en apenas 7 días, co CD Laredo o sábado 14 en Abegondo e a visita ao Bergantiños CF o mércores 18 en partido que foi suspendido a finais de novembro polo temporal.
A pesar da carga física, Manuel Pablo afirmou na sala de prensa que quere un Fabril "con esa enerxía de ser capaces de presionar forte arriba, ter a tranquilidade que tivemos para circular o balón. É verdade que no do Bergantiños CF faltounos nos últimos metros pero chegamos en moitas situacións preto da área. E iso estábanos faltando noutros partidos".
Así pois, busca "darlle continuidade ao que estamos a facer, mellorando nesas situacións finais próximas á área".
É baixa no filial Samu, lesionado nun pé nas Eiroas: "Fixéronlle probas e non ten nada roto. Tiñamos a sensación de que podía facerse máis dano. Ten unha contusión bastante forte que lle vai a impedir xogar esta fin de semana pero non pasa nada máis", explicou o técnico fabrilista na sala de prensa.
O Fabril chega ao choque de mañá en 7ª posición da táboa con 25 puntos.
Pola súa banda, a RS Gimnástica de Torrelavega, que a pasada fin de semana perdeu (2-1) en Pasarón co Pontevedra CF, é 16º con 13 puntos.
No Malecón esta temporada os cántabros gañaron ao CD Numancia de Soria (1-0) e SD Compostela (2-0); empataron co Rayo Cantabria (1-1); e perderon co Marino de Luanco (0-1), Real Avilés Industrial (1-3), Bergantiños CF (1-3), Salamanca CF UDS (1-2) e Real Ávila CF (0-1).