Manuel Pablo afirmou na sala de prensa de Abegondo que "miramos a competición coa esixencia de querer progresar, coa idea de xogo e a partir de aí crecer. Hai que mirar cara a adiante, máis que cara atrás. Despois a clasificación pódeche dar un envorco e tesche que preocupar máis doutras situacións pero o primeiro que hai que ser é esixente e tentar mirar cara arriba".
Iso si, lembra que "está todo moi igualado. É verdade que hai ese corte moi grande cos de abaixo pero nunca sabes o que vai pasar. O que está claro tal e como está agora a categoría esíxeche sempre tentar gañar partidos consecutivos. Unha xeira de 2 ponche moi arriba e de 2 perdidos ponche preto do perigo".
O técnico fabrilista asegura que "queremos crecer e por iso miramos positivamente as cousas".
Da RS Gimnástica de Torrelavega, rival mañá domingo ás 12:00 no Malecón advirte que ten "moi bos xogadores. Ves os partidos e non entendes porqué están aí. Supoño que por esa irregularidade pero vendo os xogadores que teñen estráñanche estas situacións".
Destaca que o conxunto cántabro "xoga ben. Imos ver como está o campo. O día do Compos, o seu último partido alí, estaba algo embarrado; pero teñen bos xogadores e non podemos mirar a clasificación".
Manuel Pablo pide en Torrelavega ao Fabril "manter a nosa idea, estar concentrados, dar o máximo de cada un con enerxía porque esta categoría che ensina que nos equipos hai xogadores bos e teñen as súas armas para facerche dano. Non nos podemos confiar moito na clasificación", conclúe.