RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

Manuel Pablo asegura que se atopou un vestiario do Fabril con "xente moi comprometida, moi metida no que queremos"

Manuel Pablo compareceu ante os medios informativos esta mañá na sala de prensa de Abegondo como novo técnico do Fabril en substitución de Óscar Gilsanz.

Asegura que se atopou no filial un vestiario con xente "moi comprometida, moi metida no que queremos, en darlle continuidade con algúns matices; con toda a xente remando no mesmo sentido".

O novo adestrador fabrilista cre que o ascenso de Óscar Gilsanz ao primeiro equipo, o seu pase e o de Miguel Figueira ao Xuvenil A supoñen "continuidade de coñecer tamén a todos estes xogadores que algúns pasaron por moitas etapas no Club e valorámolo todo positivamente".

Confesa que levou a semana "cun pouco de trafego, sobre todo porque o cambio foi o martes para o mércores e con poucos días para ver todo. Aparte o mércores aínda tivemos que facer sesión cos xuvenís e atarefado, pero valóroo positivamente".

Aclara que sobe con Juan Villamisar como segundo adestrador e "mantemos despois todo o corpo técnico que tiña Óscar Gilsanz: Alberto Rielo e Álex Carballo en preparación física, máis David Vidal de adestrador de porteiros; e fisios e delegado".

Manuel Pablo non ve cambio entre adestrar ao Xuvenil A e ao Fabril porque "é esixir sempre o máximo, que todos esteamos unidos, que todos podamos ir na mesma dirección e a partir de aí tentar crecer. Loxicamente os resultados axúdanche a iso pero non cambia nada en ningún sentido".

Neste sentido desvela que "o primeiro que lles dixen é que vou pedir o mesmo que vos pediron todos os corpos técnicos que tivestes: esixencia máxima, compromiso... Despois os axustes xa os iremos facendo aos poucos da nosa idea, do que pensemos nalgunha situación, outras non, porque hai cousas que estaban a facer ben. Cada adestrador ten a súa identidade pero o que non queres é estragar as cousas que están ben".