O Dépor acende os motores con só dous futbolistas á marxe do grupo
O Deportivo arrancou esta mañá en Abegondo a semana de preparación da visita do Racing de Ferrol a ABANCA-RIAZOR, en partido correspondente á 26ª xornada en Primera RFEF, previsto para este sábado 5 de marzo ás 19:00 horas (Footters).
Borja Jiménez puido contar con todo o seu cadro no céspede fóra de Víctor e Ian Mackay, que tiveron adestramento individualizado. Ambos recupéranse dunha escordadura de nocello e os Servizos Médicos branquiazuis comprobarán a súa evolución os próximos días para saber se están en condicións de competir ante os racinguistas esta fin de semana.
Esta mañá, o técnico deportivista dispuxo, após un quecemento e rondos, un xogo de posición e fútbol en espazo reducido, de alta intensidade, co cadro dividido en tres equipos.
Trilli, de acordo cos Servizos Médicos, retirouse ao vestiario un pouco antes que o resto de compañeiros.
Noel, Yeremay e Alberto, ademais do citado Trilli, foron a representación esta mañá de #ANOSACANTEIRA.
Mañá mércores 2 de marzo, o Dépor adestrarase de novo en Abegondo a partir das 10:30 horas.